Industria pide a Alcoa buscar unha solución alternativa ao ERE
O secretario xeral de Industria e da Peme, Raul Blanco, presidiu hoxe unha reunión telemática cos representantes do Comité de empresa de Alcoa San Cibrao para analizar a situación da planta tras o anuncio da empresa de despedir a máis de 500 traballadores.
Durante a reunión, o secretario xeral de Industria reafirmou que hai un proxecto industrial e enerxético viable para San Cibrao polo que insta a Alcoa a buscar unha solución alternativa ao ERE para evitar os despedimentos e o peche das instalacións. “O que hai que facer é unir forzas, institucións con sindicatos, para esixirlle unha resposta a Alcoa. O que teñen que ter claro os traballadores é que o Goberno se está empeñando a fondo para dar unha solución viable a Alcoa”.
Blanco lembrou ao comité de empresa que o Goberno mantén a súa proposta de plan industrial para Alcoa que garante a viabilidade da planta e trasladou as diferentes medidas adoptadas polo Goberno para apoiar a industria electrointensiva, como o recentemente aprobado Fondo de Garantía para Entidades Electrointensivas dotado con 600 millóns de euros de investimento en tres anos, un instrumento que vai permitir garantir un prezo estable e mellorar a competitividade da industria. Así mesmo, o marco de axudas á industria electrointensiva vai quedar regulado nas próximas semanas a través do Estatuto do Consumidor Electrointensivo.