Inés Mourenza e Martín Vázquez brillan no Campionato de España de natación en Madrid

LugoXa
A lucense proclamouse subcampioa de España Absoluta Joven e logrou un bronce, mentres o seu compañeiro acadou a sétima posición na final A dos 50 bolboreta
Club-Natación-Portamiñá-campionato-de-España
16 Nov 2026

O Club Natación PortaMiñá Lugo pechou a súa participación no Campionato de España Absoluto Open P25, celebrado en Madrid, cun balance de dous podios para Inés Mourenza e varias actuacións destacadas do seu equipo.

A nadadora lucense foi unha das protagonistas da competición ao conseguir a medalla de prata e proclamarse subcampioa de España na categoría Absoluta Joven. Ademais, sumou un bronce nesta mesma categoría nos 200 bolboreta, proba na que tamén conseguiu clasificarse para a final B, na que rematou na sétima posición. Na xornada seguinte disputou a final B dos 400 estilos, cunha terceira posición.

Outro dos resultados destacados foi o de Martín Vázquez, que logrou clasificarse para a final A dos 50 bolboreta e rematou na sétima posición. O nadador tamén participou na final B dos 100 bolboreta, na que foi cuarto cunha nova mellor marca persoal.

Pola súa banda, Brais Novo competiu nos 50 e 100 braza; Sofía Mourenza fíxoo nos 50, 100 e 200 braza; Brais Pérez participou nos 400 estilos, 200 costas e 800 libres; e Pablo Rodríguez disputou os 100 estilos e os 50 e 100 bolboreta. Alejandro Vázquez tamén participou nos 200 braza. Entre os resultados do equipo destacou tamén a terceira posición de Inés Mourenza na final B dos 400 estilos.

Desde o club agradeceron o traballo, o esforzo e o compromiso de todos os nadadores durante a competición, así como a labor do adestrador, Pablo Méndez, polo seu acompañamento ao equipo nesta cita nacional.

0.1564769744873