Iniciado o servizo de socorrismo nas praias focegas con 14 efectivos
O Concello de Foz iniciou hoxe, mércores, o servizo de socorrismo nas praias con 14 efectivos en seis praias, que son máis que o ano pasado.
O concelleiro de Turismo, José María Linares, explicou que “os 14 socorristas van distribuír por todas as praias do municipio de Foz. Este ano a novidade é que haberá este servizo na de Xuncos, en Cangas, que ultimamente non o tiña por falta de socorristas. Contamos con máis efectivos que o ano pasado, aínda que é penoso que desde a Xunta facilitounos a posibilidade de contratar soamente a seis socorristas en Foz, con 20 quilómetros de litoral e moitísimas praias. Tivemos que facer un esforzo por parte do Concello para contratar o resto. Temos a posibilidade mesmo de poder levantar unha bandeira azul aínda que de momento non está tomada a decisión porque imos priorizar sobre todo a seguridade en todas as praias. Consideramos que é mellor distribuír os socorristas por todos os areais e que teñan un servizo de salvamento que izar as bandeiras azuis”.
José María Linares engadiu que “en todas as praias van ter o equipamento adecuado e, sobre todo, medidas de protección como máscaras, caretas e luvas porque moitos dos socorristas van ter que atender a pequenas lesións ou outros problemas que teñan os usuarios dos areais. E por exemplo na praia da Rapadoira puxemos unha torre de xel hidroalcohólico para o posto de socorro e para os baños”.
O edil de Turismo amosouse contento por iniciar esta nova tempada e desexa a todos “a maior das sortes no traballo e, sobre todo, que os usuarios das praias cumpran as recomendacións establecidas desde a Xunta e por parte do Concello de Foz, que moitas delas recóllense na cartelería instalada ao longo de todas as praias do municipio”.
E o alcalde, Fran Cajoto, comentou que “o Concello de Foz dispón desde hoxe de servizo de socorrismo a pesar das enormes dificultades e trabas que nos puxo a Xunta de Galicia neste ano 2020 por un dobre motivo: primeiro porque a subvención para a contratación de socorristas chegou moi tarde, a mediados do mes de xuño, practicamente sen tempo para facer o traballo administrativo que conleva unha dotación de persoal; e segundo pola enorme redución de recursos públicos para a contratación de socorristas porque pasamos de 16 subvencionados pola Xunta no 2018 a unicamente 6 este ano 2020. Desde o Concello cremos que Galicia, destino seguro non pode ser soamente un slogan; se non se dota aos concellos de recursos para que isto sexa unha realidade e se reducen ano tras ano as contías económicas o do destino seguro quédase soamente nunha campaña de marketing. Nese sentido o Concello de Foz actuou dunha forma responsable e pese as dificultades dispuxo a contratación doutros 8 socorristas adicionais con fondos propios municipais, chegando a un total de 14 socorristas titulados habilitados, que serán complementados nas súas tarefas con persoal de Protección Civil”.
O rexedor municipal destacou que “este ano contamos cunha praia máis con servizo de socorrismo, pasando de 5 a 6 areais. Son as praias de A Rapadoira, Llas, Peizás, Polas, Xuncos e Areoura. Ademais por mor do Covid o Concello tivo que facer un esforzo adicional poñendo un contrato especial de limpeza dos aseos para que se garanta a desinfección, de forma que chegaremos nalgúns casos a 4 limpezas diarias dos baños públicos. E como consecuencia tamén desta crise sanitaria deberán permanecer pechados duchas e lavapés, polo que agradecemos a comprensión do usuarios das praias”.
Fran Cajoto engadiu que “este servizo de socorrismo que dispón o Concello de Foz esperamos e desexamos que sexa necesario utilizalo o mínimo posible, o que é responsabilidade de todas e todos. Este ano, ademais da precaución que debemos ter sempre os bañistas cando gozamos da auga das nosas praias, temos que ser tamén conscientes de que nos areais hai que gardar ese distanciamento social en todo momento. Desta forma poderemos desfrutar un verán máis das nosas praias, no entorno tan privilexiado no que temos a sorte de vivir”.