Inician a renovación da rotonda de Infanta Elena no Ceao

A área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo comezou o procedemento para contratar a renovación integral da rotonda que conecta Infanta Elena con Benigno Rivera, no polígono do Ceao. Rubén Arroxo destacou que se trata dunha das zonas da cidade "que máis tráfico acollen" e engadiu que "seguimos avanzando na mellora das áreas industriais de Lugo".
Na Xunta de Goberno celebrada hoxe aprobouse a apertura deste contrato, que se licitará mediante procedemento aberto simplificado cun orzamento máximo de 131.262,74 € e un prazo de execución de un mes.
Ademais, aprobouse a resolución do procedemento sancionador á empresa Move Proyectos e Inversiones SL, concesionaria do servizo de actividades extraescolares. Tras completarse o proceso, a empresa será sancionada cun 5 % do importe do contrato, 2.572,91 €, por non documentar as obrigas laborais e salariais cando así o requiriu o Concello. A sanción aplicarase nas próximas facturas e, segundo Arroxo, o procedemento de adxudicación do novo contrato continúa en marcha "e estará listo para o inicio do vindeiro curso".
Por outra banda, paralizouse a tramitación do novo contrato de xestión do Vello Cárcere, executando a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia tras atender os recursos presentados por dúas empresas. A Tenencia de Alcaldía xa traballa na reapertura do proceso de licitación.