“Intentamos que cada xogador ou xogadora sexa a súa mellor versión”

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
José Ángel Fernández Roca é presidente do CD Terras da Chaira de Rábade
club-de-tenis-de-rabade
31 May 2026

Cóntenos como xurde o club?

O actual Club Deportivo Terras da Chaira é a continuidade dun proxecto iniciado nos anos 90 pola Agrupación Deportiva Colexio Fernández, na que tras anos de participación en diferentes disciplinas deportivas a nivel escolar (atletismo, fútbol sala e tenis de mesa) demos o salto á participación en competicións federadas de tenis de mesa. Naquela época xa tiñamos equipos en ligas nacionais participando, tanto masculinas como femininas, de feito durante varias tempadas participamos na liga nacional de 2ª división masculina e na liga nacional de 1ª división feminina. Nestas ligas competíamos na zona noroeste da península: Galicia, Asturias e Castelá e León. Paralelamente temos participados en varios campionatos de España como os disputados en Luarca en 1992, Santa Coloma de Gramanet (Barcelona) en 1993 e Villarobledo (Albacete) en 1997. Nesa época obtivemos moi bos resultados acadados, chegando a ter varios xogadores e xogadoras formando parte da selección galega de tenis de mesa. Actualmente, contamos cunha gran canteira de xogadores/as que nos permiten competir en ligas federadas con 5 equipos. Temos un gran apoio do Concello de Rábade a través das Escolas Municipais de Rábade, que nos permiten acadar os recursos necesarios para manter este proxecto.

Cantos equipos ten actualmente e fichas?

Actualmente contamos con 5 equipos que participan en ligas galegas e ligas nacionais. Temos 1 equipo na liga nacional de 1ª división feminina, o único equipo feminino representante en competicións oficiais que hai neste momentos na provincia de Lugo. Temos 1 equipo na liga nacional de 3ª división masculina e 3 equipos participando na liga galega de 2ª división. O equipo de 1ª división feminina é o primeiro ano que milita nesta categoría, está no grupo 1 participando con outros doce equipos de Galicia, Asturias e León. O equipo de 3ª división masculina está no grupo norte competindo con equipos das provincias de Lugo e A Coruña, mentres que os equipos participantes na liga de 2ª división galega son da provincia de Lugo. Respecto ao número de fichas temos 31 licencias federadas entre xogadores e xogadoras: 7 licencias femininas e 24 licencias masculinas. Ademais de competir en ligas tamén participamos no torneo preestatal xogado no mes de decembro en Pontevedra, así como en campionatos galegos de categorías inferiores.

Como adestran e quen se encarga?

Os horarios de adestramento son de 19:00 a 21:30 todos os días da semana, de luns a venres, adestrando en grupos en catro mesas simultaneamente. Os grupos están definidos polo nivel técnico dos xogadores/as. Actualmente contamos con dous adestradores, Alejandro Martínez e Angel Fernández, que ademais do seu traballo ao longo da semana nas sesións de adestramento acompañan na medida do posible aos equipos nas súas competición, é dicimos na medida do posible porque a veces non é doado cando varios equipos xogan o mesmo día en sedes distintas.

Fáganos un balance da tempada.

A tempada 2025/26 está practicamente rematando. Estamos nunha fase de expansión e na que accedemos a varias ligas con xogadores e xogadoras moi xoves polo que nestas condicións non entraban nas nosas previsións acadar uns altos resultados. Nesta fase é importante traballar duro nos adestramentos, desfrutar e aprender para competir o mellor posíbel cada fin de semana. Os resultados xa virán máis tarde. Hoxe o noso propósito e manter os equipos nas categorías nas que estamos competindo, e unha vez consolidados replantexaremos os nosos obxectivos para buscar ascensos de categoría. Esta tempada supuxo un salto importante polo volume de xogadores e xogadoras que mantemos en diferentes competicións oficiais, un proxecto que nos enche de ilusión e ao que lle daremos continuidade.

Contan cunha importante base, é doado?

En torno a metade dos nosos xogadores e xogadoras son de categorías menores no que se refire a idade, é dicir posúen licencias de benxamín a cadete. Intentamos que os xogadores desfruten o deporte e lles sirva para o seu desenvolvemento persoal. Non estamos obsesionados con lograr resultados, ao contrario intentamos que cada xogador e xogadora sexa a súa mellor versión e intente mellorar día a día, desfrutando o proceso. Aínda así, existen froitos a salientar como os acadados no campionato provincial xogado o 11 de abril en Ribadeo. Os equipos benxamín mixto e cadete feminino lograron o primeiro posto, mentres que os equipos cadetes cos que participamos lograron o segundo e quinto posto. Hai moito traballo diario detrás, pero tamén é certo que contamos cunha estreita colaboración dos pais e nais, que se implican ao cen por cen. De feito, sen a súa axuda sería moi difícil organizar os desprazamentos dos 5 equipos.

Que instalacións usan e son suficientes?

Actualmente estamos usando o ximnasio situado na planta baixa do Colexio Fernández, e un local de 100 metros cadrados que está dotado de 4 mesas de competición homologadas. Nos adestramentos temos material diverso para traballar a motricidade e coordinación dos xogadores e xogadoras, así como un robot que lanza pelotas que empregamos para mellorar á técnica. Nalgunhas xornadas de liga e como coincidían varios encontros simultáneos, o Concello nos facilitou un local que hai na planta baixa do centro sociocultural do pobo, e para disputar a última xornada de 1ª división nacional feminina contamos co pavillón Eduardo Fernández Villamarín de Rábade. Esta xornada foi disputada ao longo do 25 de abril e contou coa presenza dos equipos CTM Coruña, La Atalaya de Gijón TM, Avilés TM e o equipo local, Afer Formación de Rábade.

Cales son os obxectivos que teñen para este ano?

Nun principio somos realistas en canto a obxectivos, así que o que procuramos e manter as categorías nas que estamos participando e posiblemente a temporada que vén poidamos mudar as nosas previsión para acadar obxectivos máis ambiciosos.

E a longo prazo?

Os obxectivos a longo prazo, virán condicionados polo nivel de xogo dos nosos xogadores e xogadoras, xa que será o seu nivel de xogo o que vai a decidir a categoría na que participaremos. Estamos abertos a incorporación de novos xogadores e xogadoras para mellorar as nosas aspiracións, pero temos claro que todos os equipos deben contar con xogadores e xogadoras da casa.

Que necesidades teñen?

Contamos cun gran apoio do Concello de Rábade, solicitamos algunha subvención á Deputación Provincial de Lugo e a maiores temos dous patrocinadores (Brayfer Electricidad y Afer Formación) que nos axudan a costear os elevados gastos derivados da participación con 5 equipos en competicións federadas. Esta tempada, ademais dos custes das equipacións deportivas dos xogadores e xogadoras, licencias federativas, inscricións e fianzas nas federacións Galega e Española para participar nas respectivas ligas, os honorarios de arbitraxes; tivemos un elevado gasto en desprazamentos co equipo de 1ª división nacional feminina como consecuencia das estancias e pernotacións durante varios fin de semana para a disputa dos partidos. Nun principio imos valorar a evolución do club no que respecta o incremento de xogadores e xogadoras, actualmente as nosas instalacións cumpren perfectamente o seu propósito, pero estaríamos abertos a cambiar de local de adestramento para adestrar en mais mesas, o que se traduce dunha forma directa que poidan participar máis persoas nos adestramentos, Aínda así deberían darse as circunstancias que permitan a súa dispoñibilidade e uso. Xa houbo algunha conversa co Concello de Rábade a este respecto.

0.13975501060486