Interior Galego Vivo denuncia o mal estado das estradas estatais no interior das provincias de Ourense e Lugo

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Poñen de relevo “estado actual da N-540 entre Lugo e Ourense, que representa un serio perigo para a seguridade viaria”, así como a situación da N-120 entre Monforte de Lemos e Os Peares
fochancas
27 Mar 2025

Interior Galego Vivo, a través dunha misiva asinada por Antom Fente Parada, Coordinador Xeral da formación, dirixiuse esta semana ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, denunciando o “lamentable” estado das estradas de titularidade estatal do interior galego. Un problema que, sinalan, “cronificouse sen que o Goberno adoptara solucións duradeiras”.

Concretamente, Interior Galego Vivo sinala o “estado actual da N-540 entre Lugo e Ourense, que representa un serio perigo para a seguridade viaria”. De feito, sinalan, “son crecentes os contratempos na mecánica dos vehículos que repercute moi negativamente na veciñanza e supón crecentes custos entre a desesperación dos traballadores e traballadoras que, diariamente, han de usar esta estrada”

“Somos coñecedores de que se dotou con fondos a reparación desta estrada pero, a día de hoxe, estes traballos foron non só lentos, senon ineficaces e pouco duradeiros”, sinalou Antom Fente. Dende Interior Galego Vivo advirten de que “o orzamento non é suficiente” e urxen a unha actuación e mellora integral do principal nexo de unión entre as cidades do interior galego.

Por outra parte, IGV denuncia tamén o “deplorable estado da N-120 entre Monforte de Lemos e Os Peares", especialmente nos tramos da vila do Cabe e arredores. Así, urxe a que se adopten medidas con celeridade, que "deben ter en conta de igual modo o estado da N-120A en Os Peares, permanente quebradeiro de cabeza para a veciñanza desa poboación”.

Asemade, denuncian que a N-525, de Benavente (Zamora) a Santiago de Compostela, precisa atención ao seu paso polas comarcas de Monterrei e A Limia, en Ourense, antes de que "o seu estado sexa análogo ao calamitoso estado da N-540".

Interior Galego Vivo insiste na “necesidade que ten o interior galego de infraestruturas útiles e ben conservadas, ao tratarse de territorios periféricos con serios problemas de dispersión e demotanasia, que se ven aceleradas, precisamente, polo abandono institucional e a falta dunha atención análoga á que as institucións ofrecen a territorios de máis poboación”.

⚙ Configurar cookies
0.1554799079895