Interior Galego Vivo esixe o arranxo integral da N-540 e da N-120

O movemento cidadán rural Interior Galego Vivo vén de rexistrar unha solicitude formal ante o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) para esixir a reparación “inmediata e urxente” das estradas N-540 e N-120, ante o deterioro extremo de ambas vías e o grave risco para a seguridade viaria.
No caso da N-540, denuncian que esta estrada conta con varios tramos “totalmente degradados” que requiren unha “actuación integral”, comezando pola comarca de Chantada e polo termo municipal de Portomarín. Respecto á N-120, entenden que as actuacións resultan especialmente necesarias entre o concello de Quiroga e o alto da Guítara, xa no termo municipal de Pantón.
A solicitude, asinada polo coordinador xeral do movemento, Antom Fente Parada, lembra que xa en 2023 e 2024 trasladaron ao Ministerio o estado “lamentable e recorrente” da N-540 e denuncian que, naquel momento, dende o organismo explicaron que “existían proxectos prioritarios con máis de 13 millóns de euros previstos para 2023”.
Porén, Interior Galego Vivo denuncia que esas actuacións non se materializaron e que a estrada, principal vía de conexión entre Ourense e Lugo, presenta hoxe un estado “máis calamitoso ca nunca”. Por iso, sinala Fente, “"urximos ao Ministerio a subsanar con carácter inmediato unha situación que, folga dicilo, trae consigo a quebra do principio constitucional de igualdade ao discriminar as comarcas rurais do interior galego que encabezan os índices estatais de envellecemento e demotanasia”.
Dende IGV advirten que en 2024 apenas se executaron 200.000 euros en actuacións que, segundo o colectivo, “limitáronse a parcheos, mentres que o recente tren de borrascas provocou o colapso do firme en numerosos treitos, con fochancas de grande dimensión, problemas de drenaxe e marxes sen mantemento”. Esta situación, critican, “afecta gravemente á seguridade viaria, á actividade económica e ao principio de igualdade territorial, ao prexudicar especialmente comarcas rurais envellecidas e sen alternativas de transporte público ou ferroviario”.
Ademais, lembran tamén que o deterioro da malla cinexética incrementou os accidentes pola irrupción de xabarís na calzada, algúns con resultado mortal. Neste senso, explican que en 2018 e 2020, o pleno da Corporación de Chantada aprobou por unanimidade a proposta de IGV para instar ao Ministerio a actuar nesta infraestrutura.
O movemento subliña que a súa proposta non se limita a unha reclamación xenérica, senón que parte da análise detallada dos expedientes administrativos e da licitación en curso, polo que IGV solicita unha modificación inmediata da actual licitación da N-540, denunciando que o propio expediente recoñece a insuficiencia dos 10 millóns de euros previstos (sen IVE) para os 60 quilómetros afectados.
En concreto, Interior Galego Vivo reclama trasladar á anualidade 2026 os 5.423.800,50 euros previstos para 2027, co fin de totalizar no exercicio 2026 un investimento de 9.173.000,84 euros (IVE e beneficio industrial incluídos), acelerando así as actuacións e evitando que se prolonguen até 2027 -como está previsto- en canto a vía continúa deteriorándose.
Na súa solicitude, o colectivo reclama a reparación integral e inmediata de ambas estradas antes de que remate o primeiro semestre de 2026, así como a modificación da licitación da N-540, incrementando o orzamento e adiantando a 2026 as partidas previstas para 2027, e a ampliación e modernización estrutural da N-540.
Advirten de que a situación actual supón “un risco permanente para milleiros de persoas usuarias e un freo ao desenvolvemento económico das comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga”, e reclaman ao Ministerio “feitos inmediatos e non máis promesas para garantir unhas comunicacións seguras e dignas no interior galego”.