Investidos 369.500 euros nun obradoiro de emprego
Investidos 369.500 euros nun obradoiro de garantía xuvenil promovido polo Concello de Lugo, no que se formarán 16 mozos e mozas desempregados menores de 30 anos.
A iniciativa dará comezo no prazo dun mes e impartirá dúas especialidades, co que haberá oito alumnos na de Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e outros tantos na de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web. Os participantes traballarán na xeración de contidos dixitais e na creación e publicación de páxinas web.
Os obradoiros de emprego proporcionan aos participantes formación teórica e práctica e experiencia laboral mediante un contrato de traballo; tamén impulsan o emprendemento, con coñecementos específicos que lles permiten poñer en marcha o seu propio proxecto de negocio.
A formación complementaria inclúe módulos de informática, sensibilización ambiental, igualdade de xénero, prevención de riscos laborais, así como asesoramento e orientación laboral. Igualmente, ofértase formación específica para que as persoas que non teñan a titulación de educación secundaria obrigatoria poidan acadala. Ao rematar a actividade, acceden a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Por outra banda, os obradoiros realizan obras e servizos de interese xeral e social en beneficio da comunidade, polo que son unha das propostas de emprego máis valoradas polos concellos.