Invisten 47.500 euros para ampliar a escola infantil municipal de Palas de Rei

LugoXa
A actuación permitirá crear unha terceira unidade e incrementar ata 39 as prazas do centro de 0 a 3 anos
Escola-Infantil-Palas-de-Rei
30 Dec 2025

A Xunta de Galicia asinou un convenio de colaboración co Concello de Palas de Rei por un importe de 47.500 euros destinado a financiar as obras de ampliación da escola infantil municipal. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou este martes as instalacións acompañado do alcalde do municipio, Pablo José Taboada.

A actuación prevista consistirá na habilitación dunha nova unidade no centro, que pasará das dúas actuais a tres, permitindo así aumentar o número de prazas ata un total de 39. Segundo se recolle no acordo, os traballos deberán estar rematados ao longo do vindeiro ano, sendo o Concello o encargado tanto da adxudicación das obras como do seu seguimento, ao ser o titular do inmoble.

Durante a visita, Perfecto Rodríguez enmarcou esta intervención dentro do compromiso da Xunta coa atención á infancia e co apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros educativos de 0 a 3 anos, así como mediante medidas como a gratuidade do primeiro ciclo de Educación Infantil.

Neste senso, o xerente do Consorcio destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos e fillas, independentemente de que acudan a unha escola infantil da Xunta, municipal, de iniciativa social ou privada. Grazas a esta medida, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil, cun 65%, o que supón 15 puntos por riba da media estatal.

A ampliación da escola infantil de Palas de Rei inscríbese, ademais, nun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos de toda Galicia, tanto de titularidade municipal como autonómica. Para este conxunto de actuacións, a Xunta destinará preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT).

Con estes fondos levaranse a cabo obras de reforma, ampliación, renovación de cubertas e fachadas, así como a dotación de novo equipamento, en función das necesidades específicas de cada centro.

⚙ Configurar cookies
0.043282032012939