Invisten máis de 210.000 euros na mellora da estrada entre Lugo e Ponte de Ombreiro

A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha os traballos de rehabilitación dun tramo da estrada LU-P-2902, a vía provincial que enlaza a cidade de Lugo con Ponte de Ombreiro. A actuación céntrase nun percorrido de algo máis de dous quilómetros e medio, desde o inicio da estrada ata a estación potabilizadora de augas, situada no punto quilométrico 2,580.
Os labores comezaron coa limpeza e reapertura das cunetas e, unha vez completada esta fase, procederase á pavimentación con aglomerado en quente. Posteriormente executarase a sinalización horizontal mediante o pintado de marcas viarias reflexivas en cor branca, co obxectivo de reforzar a visibilidade e a seguridade.
A previsión é que as obras se desenvolvan ao longo dos próximos 15 días, aínda que o calendario poderá sufrir modificacións en función das condicións meteorolóxicas. A institución provincial destina a este proxecto un investimento de 210.992 euros.
Trátase dunha intervención relevante, xa que esta estrada soporta un importante volume de tráfico, tanto de vehículos como de peóns. A mellora permitirá optimizar a conexión entre a zona das Saamasas e a parroquia de Ombreiro, ademais de facilitar o acceso ás rutas de sendeirismo que discorren pola contorna do Río Miño. Con esta actuación, a Deputación reforza o seu compromiso coa conservación e modernización da rede viaria provincial, incrementando as condicións de circulación e seguridade nun tramo moi utilizado por veciñanza e visitantes.