Invisten preto de 224.000 euros para mellorar os camiños rurais de Friol

LugoXa | TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Friol, José Ángel Santos
reunion-alcalde-friol-conselleira-medio-rural
8 sep 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Friol, José Ángel Santos. Na xuntanza, celebrada na Delegación da Xunta en Lugo, abordáronse diversos asuntos de interese para o agro deste concello, en particular as diferentes axudas aprobadas polaConsellería para mellorar as súas infraestruturas rurais.
Así, a titular de Medio Rural puxo en valor a achega de preto de 224.000 euros en total por parte do seu departamento para varias intervencións en Friol ao abeiro do Plan Marco de Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas para o período 2024-2025 e tamén do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024, unha nova liña de axudas publicada este ano.

No primeiro caso, do Plan Marco, Friol beneficiarase dunha axuda que supera os 93.000 euros. A finalidade destas achegas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Con respecto aos camiños das parcelarias, Friol recibiu en total case 131.000 euros. Este municipio lugués é un dos 38 concellos galegos que cumprían como requisitos ter dentro dos seus límites zonas de reestruturación ou concentración parcelaria rematadas, conter un mínimo de 10 quilómetros de camiños nelas e unha porcentaxe do uso da terra superior ao 39 %.

Ademais de abordar estas cuestións, a conselleira e o rexedor trataron tamén temasrelacionados coa mobilización de terras neste concello, que destaca como referente en Galicia no eido das permutas de especial interese agrario, unha figura enmarcada dentro da Lei de recuperación da terra agraria. Así, por medio desta ferramenta lévanse xa mobilizadas arredor de 300 hectáreas no seu termo municipal.

0.18797707557678