Iria Buide coñece de primeira man o proxecto educativo da Escola Semente en Barbaín

LugoXa
A visita coincidiu coa celebración do Día Mundial da Educación Ambiental
Escola-Semente-en-Barbaín
26 Jan 2026

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, visitou as instalacións da Escola de Ensino Galego Semente, situadas en Barbaín, onde este martes se desenvolveu unha programación especial coincidindo coa celebración do Día Mundial da Educación Ambiental. Durante a visita, a responsable municipal coñeceu de primeira man as bases deste proxecto educativo, centrado na conservación da lingua galega e nunha pedagoxía transformadora que concibe a escola como unha parte integrante da sociedade e garante un proceso de aprendizaxe democrático.

Iria Buide destacou que “desde o Goberno de Lugo seguimos a traballar da man con todos os proxectos educativos alternativos que teñen presenza no municipio” e sinalou que esta visita permitiu comprobar a programación especial elaborada pola Escola Semente con motivo dunha data tan significativa como o Día Mundial da Educación Ambiental.

A Escola de Ensino Galego Semente de Lugo está situada na antiga escola unitaria de Barbaín e forma parte dunha rede integrada por cinco centros repartidos por todo o territorio galego. O proxecto educativo aposta polo uso da lingua galega como elemento indisoluble da cultura propia e promove unha pedagoxía activa, transformadora e vencellada ao medio natural, social e cultural do ámbito rural lucense.

Entre os principais obxectivos da escola atópanse a coeducación, o asemblearismo e a integración coa natureza, configurándose como un espazo educativo inserido na contorna e comprometido cun modelo de ensino participativo e crítico.

O Día Mundial da Educación Ambiental celébrase cada 26 de xaneiro desde o ano 1975, cando a cidade de Belgrado acolleu o Seminario Internacional de Educación Ambiental, no que participaron expertos de máis de 70 países. Daquel encontro xurdiron os principios fundamentais da Educación Ambiental no marco dos programas das Nacións Unidas, recollidos na coñecida Carta de Belgrado.

Este documento establece como obxectivo principal formar unha poboación mundial consciente e preocupada polo medio ambiente e polos problemas asociados, dotada de coñecementos, actitudes, motivación e compromiso para traballar tanto de maneira individual como colectiva na busca de solucións e na prevención de novos desafíos ambientais.

⚙ Configurar cookies
0.079605102539062