Ítaca Teatro despide "Formigas no peto" cunha función final en Lugo

LugoXa
O espectáculo, protagonizado por Carlos Rebolo, pecha unha etapa que percorreu diferentes cidades de Galicia
Formigas-no-peto-ítaca-teatro
7 Apr 2026

A compañía lucense Ítaca Teatro ofrecerá este sábado 11 de abril a derradeira función de "Formigas no peto" no Escenario Hipócrita de Lugo, ás 20 horas, poñendo así o broche final a unha traxectoria que levou o espectáculo por distintas cidades galegas ao longo dos últimos anos.

Carlos Rebolo, narrador e protagonista da peza, pon en escena un traballo que afonda na capacidade do teatro para comunicar e transmitir emocións, cunha montaxe de creación colectiva cuxo texto foi desenvolvido por Ana Carreira e José Campanari, baseado na narración e improvisación do propio Rebolo.

Baixo o título "Formigas no peto", o espectáculo constrúe unha viaxe pola memoria e a infancia a través das lembranzas do protagonista, entrelazando historias con personaxes cotiáns e imaxes evocadoras do cine e a literatura, creando un universo onde o real e o imaxinado conviven como metáfora vital chea de emocións. As “formigas” no peto representan fragmentos de memoria que medraron e transformáronse en cada función, agora cunha despedida definitiva.

Carlos Rebolo, coñecido por facer da palabra un espazo de encontro co público, ofrece esta última oportunidade para gozar dunha peza que deixou pegada en todos os escenarios que percorreu, combinando sensibilidade, retranca e reflexión. As entradas poden reservarse a través de WhatsApp no número 604 046 270.

0.14241313934326