Ítaca Teatro estrea a súa sexta montaxe 'Profetas' no Auditorio Gustavo Freire de Lugo

A compañía lucense Ítaca Teatro, fundada por Elea López e Carlos Rebolo, estrea a súa sexta montaxe 'Profetas', un texto de Ernesto Is gañador do 16º Premio Abrente de textos teatrais da MIT de Ribadavia, en 2021.
A estrea terá lugar o vindeiro xoves, 24 de abril, ás 20.30 horas no Gustavo Freire de Lugo e despois iniciarán unha xira por Galicia visitando Sarria, Santiago de Compostela, Meira, Quiroga, Burela, Vilalba, Barreiros, Ribadavia, Cedeira e Outes.
'Profetas' é un exercicio meta-teatral no que se plantexa a dúbida de si o que se está a ver é unha dramaturxia rematada ou un proceso de traballo que está sendo construíndo diante do público. A proposta funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción.
A trama presenta o reencontro dunha parella que xa non o é e que, na súa viaxe ao pasado, abordarán cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación como ferramentas que nos vencellan co mundo que nos arrodea.
A IMPORTANCIA DA OBRA
O espectáculo é a primeira coprodución da compañía luguesa, neste caso, co Centro Dramático Galego e conta coa colaboración do Concello e da MIT de Ribadavia e co apoio do Concello e da Deputación de Lugo, xunto coa Deputación da Coruña.
Esta proposta supón un salto importante na traxectoria de ÍTACA por tratarse da súa primeira coprodución e tamén por ser a primeira compañía luguesa que vai participar, despois de 40 anos, na MIT de Ribadavia o vindeiro mes de xullo.
Á fronte do equipo artístico está Carlos Alvarez-Ossorio, como director e deseñador da iluminación e do espazo escénico; Ernesto Is é o autor do texto e da dramaturxia; Marga Portomeñe encárgase do deseño e creación de máscaras; Ítaca Teatro é responsable da escenografía e do vestiario; e finalmente Elea López e Carlos Rebolo conforman o elenco desta peza que nos levará de viaxe por Compostela, Mosul e Venecia visitando, ao mesmo tempo, tres planos: o íntimo, o social e o global.