Ítaca Teatro estrea “Chifánfanos” e despide “Formigas no peto” en Lugo

Ítaca Teatro programa dúas novas citas co público lucense ao redor do traballo do actor Carlos Rebolo, que nos vindeiros días estreará un novo espectáculo e despedirá unha das súas montaxes máis recoñecidas.
A primeira proposta será a estrea de Chifánfanos, unha nova creación escénica que poderá verse o 9 de abril ás 20:00 horas na Biblioteca Pública de Lugo, con entrada de balde. O espectáculo xira arredor do concepto de “achifánfano”, entendido como aquel obxecto aparentemente inservible que, por algún motivo, se decide conservar sen unha razón clara, converténdose así nun punto de partida para a reflexión e o humor.
A programación completarase o sábado 11 de abril ás 20:00 horas coa función de despedida de Formigas no peto, que terá lugar no escenario Hipócrita de Lugo. Nesta ocasión, o acceso será mediante billeteira inversa e as persoas interesadas poderán realizar reservas a través do número de WhatsApp 604 046 270.
Ambas montaxes contan cun equipo artístico e técnico no que destacan Ana Carreira e José Campanari na dramaturxia, este último tamén na dirección. A música orixinal é de David Alonso Garzón, mentres que o espazo sonoro corre a cargo de Fx Foley. A iluminación está desenvolvida por Satcom e o apartado audiovisual leva a sinatura de Juan Rivas.
No eido escenográfico, o deseño é de A E R P e a súa realización de Teo García, mentres que o vestiario foi deseñado e confeccionado por Attacare bottone. O deseño gráfico corresponde a La Cosa Gráfica, coa distribución a cargo de Carlos Iglesias e a produción de Producciones Artísticas Ítaca S.L.