Ítaca Teatro estrea “Achifánfanos” na Biblioteca Pública de Lugo

A compañía lucense Ítaca Teatro estreará este xoves 9 de abril o seu novo espectáculo “Achifánfanos” na Biblioteca Pública de Lugo, situada na avenida Ramón Ferreiro, nº23. Carlos Rebolo, contador de historias e protagonista da peza, pon en escena unha proposta de narración oral construída a partir de lembranzas, obxectos e pequenas historias que, coma os propios “achifánfanos”, parecen inservibles pero esconden un significado especial.
O título xorde dunha definición herdada da avoa de Rebolo: “Achifánfano: dise de toda cousa, obxecto ou aparello aparentemente inservible que, por algunha razón, motivo, causa ou circunstancia, un decide gardar, sen saber moi ben por que”. Así, o espectáculo convértese nunha viaxe íntima e chea de humor pola memoria persoal, onde anécdotas aparentemente insignificantes cobran vida sobre o escenario e atopan o seu lugar no encontro co público.
“Achifánfanos” combina retranca, proximidade e reflexión, mantendo a esencia do traballo de Ítaca Teatro e invitando aos espectadores a recoñecerse nas pequenas cousas da vida. A función terá lugar ás 20 horas e a entrada será de balde.