Jabatos Bravíos organiza a súa primeira quedada en Lugo: “Queremos incentivar o mundo das motos e dar a coñecer a cidade”

LugoXa
O grupo, que leva dous anos como motoclub, pon en marcha a cita o vindeiro 20 de xullo e constata que a paixón polas dúas rodas non entende de idades, pois a membro máis nova ten apenas 11 meses Por Lucía Blanco O ruxir dos motores volverá a ser protagonista en Lugo.
jabatos_bravios_
28 Abr 2024

O grupo, que leva dous anos como motoclub, pon en marcha a cita o vindeiro 20 de xullo e constata que a paixón polas dúas rodas non entende de idades, pois a membro máis nova ten apenas 11 meses

Por Lucía Blanco

O ruxir dos motores volverá a ser protagonista en Lugo. “Queremos volver a incentivar o mundo das motos e dar a coñecer a nosa cidade”. Con este obxectivo o motoclub Jabatos Bravíos organiza a súa primeira quedada moteira, que terá lugar o vindeiro sábado 20 de xullo, e coa que intentan xuntar aos amantes da velocidade. “Aquí hai moita afección, o que pasa é que dende fai anos non se celebra nada en Lugo, fanse concentracións sobre todo polas aforas, pola comunidade e en distintos puntos da provincia como Chantada ou Paradela”, conta Marta, membro do grupo.

A ruta comezará en Garabolos. “Saímos da explanada que está situada detrás do parque de bombeiros e imos ata Portomarín, onde facemos unha parada duns 45 minutos para tomar algo, comer uns pinchos e onde tamén vai haber música”. Logo continúan por Paradela e pola Pobra ata regresar á cidade. “Daremos a volta ao redor da muralla, dirixirémonos pola avenida da Coruña e de novo cara Garabolos”.

Ademais, haberá comida, sorteos e premios para todos os que realicen as súas inscricións, que xa están abertas e teñen un custo de 23 euros. “Polo momento vai bastante ben, a xente a verdade é que está colaborando moito”, aseguran. Este vai ser o seu primeiro evento como organizadores, aínda que nos case dous anos que levan como motoclub xa participaron en rutas por Luarca, Mondoñedo ou Sarria e en citas sinaladas como a Motoxeada.

Todos eles comparten o gusto por este hobby ao que consideran xa un estilo de vida. “Levamos pouco tempo pero somos uns 20 no grupo, aquí en Lugo a verdade é que hai moitos grupos pero todos axudamos moito”. E constatan que a paixón polas dúas rodas non entende de idades. “A maior do grupo sona eu que teño 47 anos e a máis pequeniña que, evidentemente non leva moto, leva unha de batería e ten 11 meses”.

0.093584060668945