Jaime Nava inaugurará o ciclo 'Luz ao deporte' en Lugo o 29 de setembro

O excapitán da selección española de rugby Jaime Nava será o encargado de abrir, o vindeiro 29 de setembro, unha nova edición do ciclo Luz ao deporte, unha iniciativa organizada pola Fundación Breogán coa colaboración da Xunta de Galicia.
A programación, que está a ser ultimada pola Fundación, incluirá outras tres conferencias no último trimestre do ano, todas no salón de actos da Delegación Territorial.
Dirixidas a escolares lucenses, teñen como obxectivo achegar á mocidade os valores intrínsecos do deporte a través das experiencias de deportistas de elite, que comparten cos asistentes aprendizaxes e lembranzas da súa carreira.
Nava comezou a súa traxectoria no Alcobendas Rugby e debutou coa selección española en 2002, cando só tiña 18 anos. Hoxe continúa ligado á Federación Española de Rugby como embaixador. Tras pechar a súa etapa como xogador profesional, combina a súa actividade como actor co labor de divulgador, impartindo charlas sobre liderado e motivación.