James Rhodes ofrecerá un concerto en Lugo polo 25 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

LugoXa
O pianista británico actuará no Auditorio Fuxan Os Ventos o 19 de novembro dentro dun programa con máis de quince actividades culturais, deportivas e sociais
concerto-James-Rhodes-Lugo-presentación
11 Nov 2025

O Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo acollerá o vindeiro 19 de novembro, ás 20:00 horas, un concerto do pianista internacional James Rhodes, enmarcado nas celebracións polo 25 aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. As entradas estarán dispoñibles desde hoxe ás 12:00 horas a través da web entradaslugo.es, cun prezo simbólico de 10 euros.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que esta efeméride vai máis aló dun aniversario: “Falamos dun recoñecemento internacional que puxo a Lugo no mapa cultural do mundo, reforzou o noso orgullo colectivo e que nos lembra cada día o valor de vivir nunha cidade que soubo coidar e preservar o seu patrimonio”. O rexedor sinalou tamén que “estes 25 anos son unha oportunidade para mirar cara ao futuro con ilusión, coidando o que somos e apostando pola cultura, a educación e a convivencia”.

Fernández enmarcou o concerto de James Rhodes como “unha das citas máis destacadas do programa conmemorativo”, que inclúe máis de quince actividades culturais, deportivas e sociais. O alcalde definiu ao pianista británico como “un creador comprometido, valente e profundamente humano, un dos pianistas máis recoñecidos internacionalmente, pero tamén un divulgador que soubo achegar o concerto clásico a novas xeracións, converténdoo nun espazo de encontro e emoción compartida”.

Nos seus recitais, Rhodes combina interpretación e palabra, achegando ao público obras de Bach, Chopin, Brahms ou Rachmaninov, e compartindo como a música foi para el “unha maneira de atopar luz nos momentos máis difíciles”. Ademais, é un cidadán comprometido coa sociedade española, impulsor da coñecida Lei Rhodes de protección á infancia fronte á violencia e divulgador cultural.

O programa conmemorativo do 25 aniversario prolongarase ata o 30 de novembro e inclúe concertos, teatro, danza, espectáculos de rúa, o desfile histórico do Arde Lvcvs e un gran espectáculo de drons sobre o parque Rosalía de Castro, creado especialmente para a efeméride coa música de Abraham Cupeiro.

⚙ Configurar cookies
0.1325249671936