Jarno Pousada e Lucía Piñón conquistan en Lugo os títulos galegos absolutos de tríatlon

Lugo converteuse este domingo no epicentro do tríatlon galego coa celebración dunha nova edición do Triatlón do Miño, que serviu ademais para decidir os títulos autonómicos absolutos de 2026. Jarno Pousada, do Cidade de Lugo Fluvial, e Lucía Piñón, do Club Deportivo Delikia, proclamáronse campións galegos tras impoñerse nas respectivas probas masculina e feminina.
A xornada comezou ás 10.00 horas cunha competición aberta e de promoción para as categorías menores, que deu paso ás carreiras absolutas. O bo tempo acompañou aos participantes durante a mañá e permitiu disputar sen neopreno o segmento de natación.
Na proba masculina, que arrancou ás 11.00 horas, Cristian Fernández foi o máis rápido nos 750 metros de natación, cun rexistro de 10:27, seguido de preto polo mexicano Miguel Ángel Cáceres. O xuvenil Jesús Patiño abandonou a auga só doce segundos máis tarde á fronte dun estirado grupo perseguidor.
Os 20 quilómetros sobre a bicicleta acabaron marcando boa parte do desenlace. Os representantes do Cidade de Lugo Fluvial buscaron romper a carreira e Jarno Pousada e o júnior Samuel Vázquez conseguiron chegar á segunda transición cunha diferenza de 43 segundos sobre un grupo de sete perseguidores. Aarón Grende, tamén do conxunto lucense, logrou á súa vez gañar uns metros sobre ese grupo.
Pousada confirmou a súa superioridade nos cinco quilómetros finais a pé e cruzou a meta en 58:32, resultado que lle permitiu sumar a vitoria no Triatlón do Miño e o Campionato Galego absoluto. O Cidade de Lugo Fluvial completou o seu éxito con Pedro Liste, segundo a tan só sete segundos do vencedor. Cristian Fernández foi terceiro, a 34 segundos, mentres Samuel Vázquez e Andrés Cendán completaron as cinco primeiras posicións.
A carreira feminina presentou un desenvolvemento máis axustado. Uxía Campos tomou inicialmente a dianteira ao completar a natación en 11:51, once segundos por diante dun grupo fragmentado encabezado por Ana Santiso.
No sector ciclista, tres deportistas do Cidade de Lugo Fluvial chegaron a ocupar as primeiras posicións, aínda que Lucía Piñón foi gañando protagonismo. A representante do Club Deportivo Delikia alcanzou xunto a Uxía Campos a segunda transición cunha vantaxe importante sobre as perseguidoras. Ana Santiso iniciou os cinco quilómetros finais a máis dun minuto, mentres Ana García-Picher partiu a 1:11 das líderes.
Campos tratou de sentenciar a carreira a pé e chegou en solitario ao paso polos 2,5 quilómetros. Piñón, con todo, foi reducindo progresivamente a distancia ata darlle alcance e superala no tramo decisivo.
Lucía Piñón cruzou finalmente a meta cun tempo de 1:07:50 e conquistou o título autonómico. Uxía Campos foi segunda, a dez segundos, e Ana Santiso completou o podio a 25 segundos da vencedora. Gabriela Quintas e Iria Fernández ocuparon a cuarta e quinta posición, respectivamente.
O Triatlón do Miño pechou así unha intensa mañá de competición coa proclamación de Jarno Pousada e Lucía Piñón como novos campións galegos absolutos de 2026 e cunha destacada actuación dos representantes do Cidade de Lugo Fluvial na súa proba de casa.