Javier Arias reúnese co presidente da Asociación de Persoas Xordas de Lugo
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse co presidente da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (Asorlu), Daniel Lourés, para coñecer de primeira man as necesidades do colectivo e abordar a colaboración en próximas actividades e programas. Arias destacou que o Goberno galego coopera coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para garantir o acceso a servizos e a inclusión plena en todos os ámbitos da sociedade das persoas xordas.
Apuntou tamén que distintas Consellerías colaboran en iniciativas que contribúen a avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e favorecer a integración social, como é o caso do convenio para mellorar a accesibilidade aos espazos naturais galegos poñendo á disposición da Federación intérpretes de lingua de signos, entre outras accións.