Jordan Walker completa a plantilla do Río Breogán

O Río Breogán alcanzou un acordo para incorporar, ata o final da presente tempada, ao base norteamericano Jordan Walker (Indianápolis, 19 de outubro de 1997).
Formado nos Morehead State Eagles de Kentucky (NCAA), Walker deu o salto ao baloncesto europeo na tempada 2021/22. Iniciou a súa andaina no Area-Orbi xeorxiano, onde asinou 20,8 puntos por partido, antes de desembarcar no SC Rist Wedel alemán (18,4 puntos de media). Esa mesma campaña xogaría co Hamburg Towers, co que disputou oito encontros na Eurocup.
Na tempada 2022/23 recalou en Bélxica, mantendo un alto nivel con 17,8 puntos, 3,5 rebotes e 3,3 asistencias de media. Posteriormente, durante o exercicio 2023/24, militou nas ligas de Serbia e Hungría, consolidándose como un anotador fiable cunha media de 14,7 puntos por encontro.
En 2024, Walker aterrou en España para enrolarse nas filas do CB Zamora (Primeira FEB), asinando unha notable primeira tempada con 14,7 puntos, 2,6 rebotes e 2,2 asistencias en 34 partidos. Na actual campaña 2025/26, defendeu a camiseta do HLA Alacante, cun promedio de 16,8 puntos, 3 rebotes e 3,2 asistencias, cun 44,3% en triplos nos 12 encontros xogados antes de poñer rumbo á liga chinesa.
Na súa etapa no país asiático, Walker militou no Hefei, equipo que finalizou segundo na liga regular. Alí fixo un promedio de 12,3 puntos (cun salientable 91% en tiros libres e un 35,5% en triplos), 2,7 rebotes e 2,7 asistencias. Nos playoffs alcanzou a segunda rolda, onde a media foi de 12,5 puntos e 3 rebotes en 22,7 minutos de xogo.
Jordan Walker é un base de 186 cm con bo físico e unha notable capacidade atlética que lle permite ocupar tamén a posición de escolta. Destaca como un excelente tirador e pasador, cunha gran facilidade para a anotación tanto desde o perímetro como desde a media distancia, e encaixa ben no estilo de xogo de Luis Casimiro.
Con este movemento, o Río Breogán reforza o seu xogo exterior de cara ao tramo decisivo da competición.