Jorge Bustos insta a Candia a licitar de inmediato o pavillón de San Fiz

O concelleiro socialista Jorge Bustos instou ao Goberno municipal de Elena Candia a sacar sen máis demora a licitación do novo pavillón municipal previsto na Cidade do Deporte de San Fiz, unha infraestrutura que considera “imprescindible para garantir o futuro do deporte base lucense” e cuxo expediente técnico, segundo sinala, quedara preparado durante o anterior mandato.
Bustos lembrou que o Goberno progresista deixou encamiñado o traballo previo necesario para iniciar a contratación, con pregos técnicos xa redactados, planificación definida e unha folla de ruta establecida. Segundo explicou, “o único que falta é vontade política para pulsar o botón e licitar o proxecto que Lugo necesita para as próximas décadas”.
O edil socialista enmarca esta actuación na futura Cidade do Deporte de San Fiz, un complexo que aspira a converterse na maior infraestrutura deportiva planificada na cidade no século XXI. O proxecto prevé un pavillón polivalente con tres pistas independentes, un campo de fútbol, un campo de rugby e espazos complementarios destinados ao adestramento, preparación física e actividade de clubs e escolas deportivas.
Bustos destacou que Lugo vive un momento de forte dinamismo deportivo, cun incremento de clubs, licenzas federativas e disciplinas que requiren instalacións modernas. Neste sentido, subliñou que o deporte base é tamén un motor económico e social que xera emprego e actividade na cidade, polo que reclamou planificación a medio e longo prazo para garantir o crecemento do tecido deportivo.
O concelleiro criticou que, máis dun mes despois da chegada de Elena Candia á Alcaldía, o Goberno local non dera pasos para impulsar unha actuación que cualifica de prioritaria. Ao seu xuízo, trátase dun Executivo sen capacidade para avanzar expedientes xa preparados e sen proxectos propios de calado.
Así mesmo, advertiu de que a incorporación dos remanentes municipais debe destinarse a proxectos transformadores de cidade e non a medidas puntuais ou improvisadas. “Ese diñeiro extraordinario debe servir para construír o Lugo dos próximos trinta anos”, afirmou, reclamando que se eviten actuacións de curto percorrido.
Bustos insistiu en que o investimento en deporte implica tamén apostar por saúde, educación, cohesión social e oportunidades para a mocidade, polo que defendeu a planificación da Cidade do Deporte como un proxecto de futuro que non debe quedar paralizado.
Finalmente, reclamou ao Goberno municipal que demostre o seu compromiso co deporte lucense con feitos e non só con declaracións, e insistiu en que o novo pavillón de San Fiz debe ser licitado de inmediato para non perder tempo nin oportunidades para a cidade.