O PSOE insta ao Goberno local a recuperar o campionato 3x3 para reforzar a unión dos barrios

LugoXa
O exconcelleiro de Deportes lembra que o programa quedou completamente definido e cunha reserva orzamentaria de 30.000 euros
Jorge-Bustos-na-piscina-de-Frigsa
Actualizada el 16 junio 2026, 13:17 horas
15 Jun 2026

O concelleiro socialista Jorge Bustos instou ao Goberno municipal de Lugo a recuperar e desenvolver o programa “Días do Deporte na Rúa”, unha iniciativa promovida durante a súa etapa á fronte da área de Deportes e que quedou plenamente definida e dotada economicamente nos orzamentos municipais aprobados polo anterior Executivo.

Bustos lembrou que o proxecto contaba cunha reserva orzamentaria específica de 30.000 euros e nacía coa vocación de converter diferentes espazos da cidade nun gran escenario deportivo ao aire libre, promovendo a práctica física, a convivencia e os hábitos de vida saudables entre persoas de todas as idades.

“O deporte é unha das ferramentas máis eficaces para construír unha cidade máis saudable, máis cohesionada e con máis oportunidades para a infancia e a mocidade. Por iso agardamos que esta iniciativa non quede esquecida nun caixón e poida ver a luz tal e como foi concibida”, sinalou.

O edil socialista considera que esta proposta encaixa perfectamente coa necesidade de seguir promovendo hábitos saudables, especialmente entre os máis novos, e contribuír a fortalecer o tecido deportivo local mediante a colaboración cos clubs, entidades e practicantes das diferentes disciplinas.

Finalmente, Bustos reclamou ao Executivo local unha maior ambición en materia deportiva e unha aposta máis decidida pola promoción da actividade física nos barrios e nos espazos públicos. “Lugo conta cun enorme potencial deportivo e cun tecido asociativo exemplar. O Concello debe estar á altura dese esforzo, promovendo máis actividades, máis participación e máis oportunidades para que o deporte forme parte da vida diaria da cidadanía”, concluíu.

O 3X3 DEMANDADO, ANUNCIADO

Un día despois desta demanda, a Concellería de Deportes de Lugo anunciou que promoverá os días 26, 27 e 28 de xuño unha nova edición do “3x3 Deporte na Rúa”, unha proposta deportiva e social que converterá diferentes espazos públicos da cidade en puntos de encontro para a práctica deportiva, a convivencia e o lecer saudable.

A iniciativa celebrarase coincidindo co remate do curso escolar e coa chegada do verán, co obxectivo de fomentar a actividade física, achegar o deporte á cidadanía e promover hábitos de vida saudables entre persoas de todas as idades.

O programa combinará competicións deportivas, exhibicións, actividades participativas e espazos de iniciación a distintas disciplinas, coa colaboración dos clubs e entidades deportivas da cidade, que terán un papel protagonista nesta gran festa do deporte. As actividades desenvolveranse en diferentes puntos emblemáticos da cidade, entre eles a Horta do Seminario, a Praza da Milagrosa, a Praza Anxo Fernández Gómez e a Praza Roxa, entre outros espazos que durante esa fin de semana se transformarán en escenarios deportivos ao aire libre.

A programación incluirá tamén áreas de xogos inchables, zonas de animación e actividades dirixidas tanto á infancia e á mocidade como ás familias e persoas adultas, favorecendo a participación e a convivencia arredor do deporte.

1.0469799041748