Jorge Bustos propón recuperar o persoal de deportes e non privatizar a xestión das subvencións

LugoXa
O socialista defende recuperar dentro do servizo a capacidade para xestionar estas axudas con persoal municipal, poñendo en valor a experiencia, o coñecemento acumulado e a relación directa cos clubs
Jorge-Bustos-na-piscina-de-Frigsa
22 Sep 2026

O concelleiro socialista e anterior responsable de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, propón que o Concello de Lugo recupere persoal especializado na área de Deportes para asumir de maneira estable a xestión das subvencións municipais, despois de que o Goberno local optase por contratar unha asistencia técnica externa para apoiar a tramitación destas axudas.

“Un contrato externo pode servir para sacar traballo acumulado, pero non pode substituír unha estrutura propia. Se este é un parche puntual, veremos o seguinte paso; se pretenden convertelo nun modelo, non o compartimos”, afirmou Bustos, quen defendeu a necesidade de manter dentro do Concello o coñecemento e a experiencia necesarios para xestionar estas convocatorias.

A xestión das subvencións deportivas realizábase desde o propio servizo de Deportes, con persoal municipal que acumulaba experiencia nas diferentes convocatorias e coñecía directamente o funcionamento das entidades, os seus calendarios e as particularidades das distintas disciplinas. Tras a marcha da persoa funcionaria que viña asumindo estas funcións, xa co actual Goberno, a área quedou sen persoal especializado nesta materia.

Fronte a esta situación, o Concello adxudicou o pasado 15 de setembro un contrato menor por 18.148,79 euros para prestar un servizo de asistencia técnica para a xestión documental das subvencións da Concellería de Deportes.

Para Bustos, unha asistencia externa pode ter utilidade para sacar adiante a acumulación actual de expedientes, pero a cuestión é que sucederá cando remate ese contrato. “As subvencións van seguir aí e os clubs tamén. O Concello necesita persoal propio que acumule experiencia dunha convocatoria para a seguinte e que sexa unha referencia estable para as entidades deportivas”, explicou.

O socialista incidiu especialmente no valor do coñecemento acumulado polo persoal municipal. O Concello traballa cun tecido deportivo amplo e moi diverso, no que conviven clubs e deportistas de modalidades colectivas e individuais, con calendarios e necesidades diferentes.

“Xestionar estas axudas non é simplemente mover documentación. É coñecer os clubs, saber como funcionan as súas tempadas, entender as particularidades de cada modalidade e detectar os problemas que se repiten convocatoria tras convocatoria. Ese coñecemento ten valor e interesa que quede dentro do Concello”, sinalou Bustos.

Por iso, o edil socialista propón recuperar persoal cualificado para estas funcións e evitar que as asistencias externas acaben converténdose nunha fórmula habitual para cubrir unha necesidade permanente do servizo.

Bustos lembrou, ademais, que en agosto o Goberno local atribuíu os atrasos das subvencións á “mala xestión administrativa” do anterior Executivo. Apenas unhas semanas despois, o propio Goberno considerou preciso contratar por máis de 18.000 euros unha asistencia externa para apoiar a súa xestión documental.

“En agosto era moi fácil reducir todo a unha suposta mala xestión. Agora os feitos amosan que detrás destas convocatorias hai unha carga administrativa importante e que fan falta medios para afrontala. O que non tería sentido é perder capacidade dentro do Concello e acabar substituíndoa pouco a pouco por contratos externos”, afirmou.

Bustos insistiu en que o debate non está en cuestionar que un apoio externo poida contribuír a sacar traballo acumulado, senón en decidir que modelo quere o Concello para os próximos anos.

“O apoio externo pode ser un recurso puntual, pero non a resposta permanente. Deportes necesita persoal propio, coñecemento dentro da casa e unha relación estable cos clubs. O parche de hoxe non pode acabar converténdose no modelo de mañá”, concluíu.

0.15172100067139