Jorge González e Nere Nuño gañan a primeira Vacaloura Gravel de Castro de Rei

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
Máis de 300 participantes gozaron dun percorrido deseñado para descubrir algunhas das paisaxes máis representativas da comarca
vacaloura-gravel
30 Jun 2026

A primeira edición de Vacaloura Gravel cumpriu coas expectativas e converteu a Terra Chá no epicentro do gravel galego durante unha intensa xornada de ciclismo, natureza e aventura. Máis de 300 participantes gozaron dun percorrido deseñado para descubrir algunhas das paisaxes máis representativas da comarca, nunha cita que nace con vocación de continuidade e que deixou un excelente sabor de boca tanto entre os ciclistas como entre a organización, o Club Ciclista Cidade de Lugo.

Desde primeira hora da mañá, Castro de Rei reuniu corredores chegados de distintos puntos de Galicia e do resto do Estado para afrontar os dous percorridos propostos, de 100 e 55 quilómetros, nun terreo que combinou pistas forestais, camiños rurais e estradas secundarias, amosando o enorme potencial que ofrece a Terra Chá para a práctica do gravel.

No percorrido competitivo absoluto, a vitoria foi para Jorge González Segurado, que completou a proba nun tempo de 2:58:00, converténdose no primeiro vencedor da historia de Vacaloura Gravel. O podio masculino completárono David Pollán Díaz, segundo con 3:02:56, e Mario Costa, terceiro con 3:04:07.

Na categoría feminina, o triunfo foi para Nere Nuño Iglesias, que cruzou a meta cun tempo de 3:41:12, por diante de Cecilia Abal Mosteiro e Gemma Martínez.

Máis alá da loita pola clasificación absoluta, Vacaloura Gravel volveu poñer de manifesto a filosofía coa que naceu o proxecto. Centos de afeccionados participaron nas modalidades cicloturistas, gozando dunha xornada de deporte e natureza polos camiños da Terra Chá. O ambiente vivido durante toda a mañá confirmou o atractivo do percorrido e o interese dunha proposta pensada para que tanto os corredores máis competitivos como aqueles que buscaban simplemente descubrir o territorio sobre a bicicleta compartisen unha mesma experiencia.

Desde a organización, o balance desta primeira edición é moi positivo tanto polo desenvolvemento deportivo como pola resposta dos participantes. Ademais, agradeceron a colaboración da ONG Rescate, dos veciños de Castro de Rei e da asociación Amigos da Feira.

“O obxectivo era que quen viñese a Vacaloura descubrira o enorme potencial que ten a Terra Chá para o gravel, e cremos que se conseguiu. A resposta dos corredores foi excelente e iso anímanos a seguir traballando para consolidar este proxecto nos vindeiros anos”, sinalan desde a organización.

Vacaloura Gravel nace coa intención de converterse nunha cita fixa dentro do calendario do gravel en Galicia e de contribuír á promoción turística e deportiva da Terra Chá, un territorio que reúne unhas condicións excepcionais para a práctica desta modalidade durante todo o ano.

0.1242790222168