José Blázquez será o pregoeiro do Entroido 2026 de Lugo

LugoXa
O pregón celebrarase o venres 13 ás 20:00 horas na praza Maior, que acollerá tamén concursos de disfraces con máis de 16.000 euros en premios
José-Blázquez-pregón-Entroido-Lugo-2026
6 Feb 2026

O artista José Blázquez será o encargado de dar o pregón do Entroido 2026 do Concello de Lugo nun acto que terá lugar o vindeiro venres 13 ás 20:00 horas na praza Maior. A celebración estará amenizada pola agrupación Condensadores de Fluzo e converterá o centro da cidade nun espazo pensado para a festa, con gradas e carpa en caso de choiva.

A concelleira Maite Ferreiro animou á veciñanza a participar nas distintas actividades programadas para estas datas, entre as que destacan un ano máis os concursos de disfraces, que repartirán máis de 16.000 euros en premios. Segundo explicou, a praza Maior transformarase nun gran escenario para dar a benvida a unha das citas máis esperadas do calendario festivo lucense.

A programación do Entroido incluirá tamén unha xornada dirixida ao alumnado de Educación Primaria, que se celebrará o martes 10 de febreiro a partir das 16:30 horas. Durante a tarde desenvolveranse distintos obradoiros de elaboración de elementos tradicionais do Entroido, así como talleres de percusión e de saltos de boteiros, organizados en colaboración coa Tradescola.

A partir das 18:00 horas, a actividade continuará cun folión tradicional que percorrerá o centro da cidade, recreando os ritmos propios dos entroidos galegos con referencias a lugares como Viana do Bolo ou Vilariño de Conso. Con esta saída, búscase que as nenas e nenos participantes, xunto co público xeral, dean a benvida ao Entroido e participen activamente dunha celebración que contribúe a manter viva unha das tradicións máis representativas do patrimonio cultural galego.

⚙ Configurar cookies
0.080106019973755