José Chousa lamenta que no Corgo deixase de celebrarse a feira mensual

LugoXa
O ex presidente de Os Cinco Ríos apoia a nova iniciativa da Asociación de Veciños de Santa Isabel e destaca o carácter pioneiro da súa asociación
mercado-de-oficios-O-Corgo-2025
16 Mar 2026

O ex presidente da asociación Os Cinco Ríos do Corgo reaccionou á recente posta en marcha dunha feira mensual en Outeiro de Rei felicitando aos promotores, a Asociación de Veciños de Santa Isabel, que contan co respaldo do Concello de Outeiro para desenvolver esta iniciativa.

José Chousa destacou que “o desenvolvemento desta iniciativa significa que a nosa proposta era pioneira e fabulosa, por iso xa se está a copiar noutros concellos. Porén, no Corgo os organismos públicos tiráronnos cara a atrás”.

A asociación Os Cinco Ríos organizaba mensualmente feiras con decenas de postos que animaban o municipio ata que o pasado 9 de novembro, na celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, se decidiu deixar a entidade en mans dunha xestora, que asumirá a xestión ata a conformación dunha nova directiva. Así, cesaron as actividades, limitándose a presentar escritos para atender as necesidades dos veciños. Chousa lamenta a deriva que tomou a asociación e recalca que “queriamos o mellor para O Corgo”.

0.11928105354309