José Miñones reitera a Galicia Baleira a aposta do Goberno de Pedro Sánchez polo rural

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
José Miñones reitera a Galicia Baleira a aposta polo rural: “Somos o primeiro Goberno que eleva o reto demográfico á política de Estado”
reunion delegado galicia baleira
1 Mar 2023

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou a integrantes da Plataforma Galicia Baleira a aposta do Goberno de Pedro Sánchez polo rural: “fomos o primeiro Goberno que puxo sobre a mesa o problema do reto demográfico” sinalou o delegado “e que o elevou á categoría de política de Estado asociada a investimentos e accións políticas”. José Miñones reuniuse na Subdelegación do Goberno en Lugo cunha ampla representación desta plataforma, encabezada polos seus presidente, Jesús Vázquez, e vicepresidente, Manuel Mosquera. Na reunión tamén participou a subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez.

O encontro serviu para trasladar as liñas de acción do Goberno en materia de reto demográfico e coñecer e compartir as inquedanzas deste colectivo, que aglutina a asociacións veciñais das provincias de Lugo e de Ourense. O delegado puxo en valor este encontro lembrando que o reto demográfico esixe unha actuación conxunta e coordinada das administracións e da sociedade civil. Nesta liña, coincidiu na necesidade de garantir que “as persoas que queiran vivir no rural poidan vivir do rural”, e que a xente destas zonas teña acceso aos mesmos servizos públicos e oportunidades que o conxunto da poboación.

Política transversal

José Miñones remarcou que o reto demográfico, ao igual que a igualdade, é unha política transversal do Goberno, e como tal trasládase ás distintas estratexias e plans que executan os Ministerios, e de xeito relevante, ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este Plan contempla como un dos obxectivos troncais avanzar na cohesión territorial de España, para garantir as mesmas oportunidades en todos os territorios, e formula gran parte dos seus compoñentes de acordo con esta meta.

Na reunión, o delegado sinalou a “Galicia Baleira” as prioridades do Goberno para esta política. Este ano remata a execución do Plan de 130 Medidas contra o Reto Demográfico, que mobilizou 10.000 millóns de euros no conxunto de España. Agora os obxectivos contemplan actuar nunha oferta axeitada de servizos esenciais, asegurar a funcionalidade do territorio con infraestruturas para a conectividade tanto física como dixital e facilitar a xeración de proxectos empresariais, culturais e sociais en todo o territorio.

Impacto en Galicia

O delegado repasou coa Plataforma algunhas das medidas que o Goberno ten en marcha en Galicia para promover a fixación de poboación no rural. En dixitalización, un dos aspectos máis relevantes, apuntou que o Goberno está mobilizando 100 millóns de euros para garantir a conectividade dixital con banda ancha da totalidade do territorio de Galicia a través do programa UNICO-Banda Ancha. A este programa unirase proximamente a posibilidade de conexión por satélite cun prezo fixo de 35 euros ao mes. Tamén anunciou a posta en marcha dun novo programa, “Reto Rural Dixital”, para formar en competencias dixitais á cidadanía dos pequenos concellos

No que respecta ás relacións coa administración, José Miñones lembrou a posta en marcha nesta lexislatura do programa de carteiros rurais, que posibilitan o pago de recibos e outras xestións dende o domicilio. Tamén está en marcha o programa “A Administración Cerca de ti”, para formar á poboación dos 238 concellos máis pequenos nas relacións electrónicas coa Administración: “ata o día de hoxe xa se beneficiaron desta iniciativa 193 concellos das catro provincias e seguiremos ata completar a totalidade”.

No que respecta á vivenda, o delegado lembrou a posta en marcha dun programa específico de axudas para a adquisición ou alugueiro de vivenda a xente nova en concellos de menos de 10.000 habitantes, que o Goberno financia con 3,8 millóns de euros. Tamén o programa de rehabilitación enerxética de vivendas, que recibiu 1,8 millóns de euros do Goberno.

Xunto con estas liñas, o delegado detallou os programas de axudas de transición ecolóxica para municipios de reto demográfico, “que xa concedeu 56 axudas en Galicia por valor de 26,4 millóns de euros”, ou o impulso a 13 proxectos piloto contra o despoboamento, que reciben do Goberno 2,3 millóns de euros.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17997193336487