José Ramón Gómez Besteiro apela á necesidade de "reforzar a ética na política"

GaliciaXa | LugoXa
O líder do PSdeG cualifica a presentación da moción de censura en Lugo como unha “compra-venda vergoñenta” e reclama límites e honestidade na política
PSOE-Lugo-moción-de-censura
23 Apr 2026

O secretario xeral do PSdeG e líder da oposición, José Ramón Gómez Besteiro, insistiu en que o pacto que fixo posible a moción de censura no Concello de Lugo encádrase no marco da “inmoralidade” e cualificou ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de cómplice, ante o que definiu como unha “compra-venda vergonzosa” do goberno municipal.

Besteiro defendeu que, ao seu xuízo, non existían motivos reais para activar esta moción, ao sinalar que o Concello contaba con orzamentos aprobados e estabilidade institucional. Considerou que se tratou dun “amaño” para intentar acceder ao goberno “pola porta de atrás”, e afirmou que o Partido Popular recorre ao transfuguismo porque, segundo dixo, non é quen de gañar en Lugo nas urnas, lembrando que este tipo de movementos xa se intentaron noutras ocasións.

O dirixente socialista advertiu de que, cando unha formación política “non ten límites” para chegar ao poder, o resultado é un tipo de goberno sen eses mesmos límites. Neste sentido, apelou á necesidade de reforzar a ética na política e afirmou que “o límite é ter límite”, insistindo en que quen carece de conciencia “non ten límites”.

Besteiro fixo da honestidade o eixo da súa intervención e pediu reivindicar, ao seu xuízo, “o goberno das boas persoas”, fronte a dinámicas políticas que considera alleas á ética. Tamén afirmou que existe unha diferenza clara entre o ben e o mal na política e apelou á cidadanía de Lugo, á que definiu como “honesta e intelixente”, e que, na súa opinión, quere tamén un goberno acorde con eses valores.

O líder do PSdeG tamén se referiu á situación emocional vivida no último ano no Concello, lembrando o falecemento de tres concelleiros socialistas, incluída a alcaldesa, e sinalou que o Partido Popular decidiu impulsar este movemento político nun contexto especialmente sensible.

Finalmente, Besteiro lembrou que xa emprazara publicamente a Alfonso Rueda a pronunciarse sobre esta situación e que, ante o seu silencio, considerou que esa ausencia de posicionamento o sitúa, segundo as súas palabras, no marco da “inmoralidade”.

CONTESTACIÓN DE PAULA PRADO

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu a iniciativa impulsada polos populares en Lugo, liderados por Elena Candia, como unha “moción de impulso” baseada nun “plan de rescate” co que, segundo afirmou, se busca sacar a cidade da “inestabilidade” provocada polo goberno municipal formado por PSOE e BNG. As declaracións realizounas durante unha rolda de prensa na sede autonómica do partido, na que tamén participou María Reigosa.

Prado enmarcou a proposta nun obxectivo de “mellorar a situación da cidade e dos lucenses”, ao tempo que criticou o que cualificou como “hipocrisía sen límite” da esquerda por acusar ao PP de prácticas vinculadas ao transfuguismo. Neste sentido, referiuse a diferentes casos políticos tanto en Lugo como noutros municipios galegos.

A dirixente popular puxo en valor o liderado de Elena Candia, á que atribuíu unha aposta clara pola cidade fronte a outras opcións políticas, e contrastou a súa postura coa da actual alcaldesa socialista, Lara Méndez, á que reprochou abandonar o Concello tras as eleccións para incorporarse ao Parlamento de Galicia. Segundo Prado, será a veciñanza quen valore a xestión desta iniciativa nos próximos meses.

Na súa intervención, tamén lembrou os resultados electorais de 2023 en Lugo, nos que o PP foi a forza máis votada, quedando a escasos votos da maioría absoluta. Subliñou ademais que, na actualidade, o grupo popular contaría cun maior respaldo corporativo ao sumar o apoio dunha concelleira máis.

Paula Prado criticou igualmente ao PSOE por, na súa opinión, intentar trasladar un debate político baseado en episodios alleos á xestión municipal, e asegurou que o PP non participará nese tipo de dinámicas. Tamén afeou mobilizacións promovidas polos socialistas noutros puntos de Galicia en contra da moción.

Por outra banda, a secretaria xeral do PPdeG puxo en valor a implicación de María Reigosa co proxecto popular en Lugo e defendeu a súa actuación no ámbito profesional, rexeitando calquera irregularidade relacionada coa súa situación laboral.

Finalmente, destacou o plan de acción presentado polos populares lucenses, que inclúe 45 medidas para reverter a situación da cidade, entre as que se atopan a creación de arredor de 350 prazas de aparcamento, un plan de rehabilitación para a zona norte e a reorganización de determinados espazos de mobilidade urbana.

0.12329196929932