Juan Magán, Malú, Sidecars e Celtas Cortos, entre os grandes nomes do San Froilán 2026

O San Froilán 2026 xa ten programación principal. As festas patronais de Lugo desenvolveranse do 4 ao 12 de outubro cunha proposta que combinará grandes concertos, música de verbena, actividades infantís, cultura tradicional e iniciativas dirixidas á mocidade. O 5 de outubro, luns, celebrarase o día de San Froilán, patrón da cidade, mentres que o tradicional Domingo das Mozas terá lugar o domingo 11 de outubro.
Un dos eixos principais das festas será a programación musical, que repartirá os seus escenarios por diferentes puntos de Lugo e terá carácter gratuíto. Na Horta do Seminario concentrarase boa parte dos grandes concertos. O calendario abrirase o 4 de outubro con Nil Moliner e continuará o 5 con Sidecars. O 6 de outubro actuarán 9louro e The Rapants, mentres que o día 7 será a quenda de Lucho RK e Santiago Auserón. O 8 de outubro chegarán Celtas Cortos, o 9 será para Malú e o 10 para Juan Magán. O programa continuará o 11 con A Penúltima Sabinera e pecharase o 12 de outubro con Los Diablos.
A música de verbena terá tamén un peso importante, con 13 orquestras distribuídas por diferentes localizacións. Na Praza Maior actuarán ao longo das festas Marbella, Principal, Los Satélites, Acordes, Grupo Beatriz, Punto Clave, América, Suavecito, Escaparate e Costa Dorada. A programación estenderase ademais a outros puntos da cidade: París de Noia estará o 5 de outubro en Augas Férreas, mentres que Panorama City actuará o 8 en Agro do Rolo.
O 12 de outubro, xornada de clausura das festas, concentrará varias das principais citas de verbena. Escaparate ofrecerá a sesión vermú ás 13.00 horas na Praza Maior, Costa Dorada actuará ás 19.30 horas diante da Casa do Concello e Panorama levará pola noite o seu espectáculo a un lugar aínda por confirmar, cun escenario de 64 metros. A localización definitiva deste último espazo está aínda pendente de confirmación.

O San Froilán Miúdo levará as festas aos máis pequenos
A programación infantil terá tamén un protagonismo especial a través do San Froilán Miúdo, con propostas pensadas para os nenos e nenas e as súas familias. Unha das novidades será o regreso dos Pelúdez, que realizarán 30 visitas a centros educativos e escolas infantís da cidade, ademais de achegarse á aula infantil do HULA.
O obxectivo é recuperar estes personaxes como parte da memoria das festas e empregalos para achegar ás novas xeracións as raíces do San Froilán e o seu carácter rural. A programación infantil incluirá tamén o espectáculo musical de Pica Pica, previsto para o 5 de outubro ás 12.00 horas na Horta do Seminario, así como propostas itinerantes de Diminuts e o Carrusel Ambulante, xunto con música, maxia, contacontos e outras actividades familiares.
As barracas abrirán xa o 26 de setembro e permanecerán instaladas ata o 12 de outubro, ampliando así o período de lecer para os máis pequenos. Ademais, haberá un Día do Neno, cunha xornada na que as atraccións terán prezos máis económicos.
Espazo para a mocidade e cultura galega
As festas incorporarán tamén propostas específicas para o público máis novo, entre elas o Espazo Hip Hop, San FroiDance e o Electronic Lucus Fest.
Pola súa banda, a Praza de Santa María contará cunha programación propia centrada na música tradicional, a cultura galega e as agrupacións locais. Por este escenario pasarán a Banda Filarmónica e Brath, a Orquestra Terranova, cun espectáculo de zanfonas, así como diferentes grupos locais. Tamén se celebrará San Froilán Sorrí, con monólogos de humor, e haberá propostas como El Kiki e o Cante das Minas, nun espectáculo do Teatro Real, Cántigas e Frores, Airiños de Orbazai, a Asociación de Gaiteiros e Xisco Feijoo. O programa nesta praza comezará o 4 de outubro con actuacións de corais.
O San Froilán volverá ademais converter as rúas nun dos seus principais espazos de celebración. A Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto no templete tras o pregón, mentres que tamén participarán a Banda Filarmónica, as bandas de música Crisanto, as escolas mancomunadas de Outeiro de Rei, Friol, Rábade e Begonte e numerosos grupos locais.
Os pasarrúas, charangas e batucadas, acompañados polos tradicionais Xigantes e Cabezudos, completarán a ambientación das festas. A tradición galega terá igualmente presenza coas agrupacións de danza e escolas de baile, o Domingo das Mozas, o desfile de traxe galego e unha verbena galega d'antes, con espectáculo teatralizado na Praza Maior.
O programa incluirá outras propostas como a Feira do Mel na Praza de Santo Domingo, o San Froilán Tecedeiro, a Mostra de Coches Clásicos e o Mercado Medieval, que se celebrará o 12 de outubro.
SEN DESFILE DE GANDO E CRÍTICAS DO BNG
Durante a presentación da programación, o Goberno local confirmou que este ano non se celebrará o tradicional desfile de gando, aínda que avanzou que haberá outras actividades relacionadas con esta tradición que serán dadas a coñecer proximamente.
A programación chega tras o traballo desenvolvido pola Comisión de Festas do San Froilán, creada polo Goberno local para incorporar as achegas dos diferentes grupos municipais. Segundo destacou o Concello, o 90 % das propostas presentadas polo BNG foron finalmente incorporadas ao programa.
O partido nacionalista mostrou A edil do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, afirmou que a programación anunciada polo goberno para o San Froilán 2026 "non cumpre coas expectativas" creadas nos últimos meses polo PP, xa que "non conta cos grandes concertos que o PP levaba anos reclamando”.
O BNG subliña que, aínda que se manteñen certos elementos de continuidade respecto a edicións anteriores, a ausencia de nomes de gran tirada mediática e a desaparición de espazos simbólicos como A Mosqueira representan un retroceso para o tecido cultural local, xa que “estaba xa consolidado como o gran espazo das agrupacións locais, un escenario feito por e para a música saída de Lugo”. O BNG leva semanas advertindo da “perda deste espazo” no San Froilán 2026, xa que este escenario “xa non apareceu incluído na licitación dos medios técnicos para as festas”.
Pola súa parte, a alcaldesa Elena Candia sostivo que "este é un San Froilán feito para toda a cidade, sen excepcións: para quen queira gozar dun gran concerto, para quen prefira a música tradicional, para as familias e para a xente máis nova", sinalou a alcaldesa, Elena Candia, que tamén defendeu unhas festas "para toda a cidade, cunha programación gratuíta en todos os escenarios para facilitar que a veciñanza goce do San Froilán".
Ademais, o recinto feiral abrirá o 26 de setembro e permanecerá operativo durante todo o período festivo. O Concello tamén colaborará co Mariña Fest, que se celebrará os días 2 e 3 de outubro, mediante apoio en infraestruturas e autobuses lanzadeira.