Kiko da Silva debuxará en directo diante da Deputación de Lugo

LugoXa
O ilustrador, Kiko da Silva, ofrecerá mañá unha demostración de debuxo na Praza de San Marcos, organizada pola Vicepresidencia da Deputación.
Kiko da Silva. Kalandraka
5 Maio 2022

O ilustrador e autor de banda deseñada, Kiko da Silva, estará ofrecendo mañá unha demostración de debuxo na Praza de San Marcos, organizada pola Vicepresidencia da Deputación. Na actividade, da Silva realizará ao vivo, dende as 12,30 horas, unha imaxe alusiva ao Día da Ilustración, rendendo homenaxe ao pioneiro da banda deseñada galega, Reimundo Patiño.

A vicepresidenta do Executivo provincial, Maite Ferreiro, explicou que “se trata dunha actividade incluída dentro do programa IlustrarNÓS coa que queremos afondar na socialización e no recoñecemento de creadores e creadoras galego deste eido artístico, do que Kiko da Silva é un dos mellores expoñentes”.

A demostración, aberta a todos os públicos, súmase aos obradoiros que, dende o pasado mes de febreiro, realiza o propio debuxante en centros educativos de Secundaria. Ademáis, o alumnado de primaria puido gozar de obradoiros da ilustradora Laura Romero.

A Vicepresidencia prevé, ademáis, a realización de murais con deseños de Iván Mouronte e Iago Eireos, honrando a Reimundo Patiño, homenaxeado este ano no Día da Ilustración.

Así, este mesmo venres Kiko da Silva impartirá un deses obradoiros na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo. Baixo o título “Crear BD, da idea á novela gráfica”, o ilustrador explicará ao alumnado o proceso de creación da banda deseñada, desde a concepción da idea ata a súa concreción nunha publicación, abordando as posibilidades narrativas e plásticas que ofrece este xénero.

A continuación, o tamén ilustrador e debuxante Alberto Guitián, autor de “A guía ninja do ilustrador”, falará ao estudantado das singularidades dos oficios creativos, achegando información valiosa de cara ao exercicio profesional.

0.23985981941223