Kiko da Silva pinta en vivo, en Lugo
O autor de banda deseñada Kiko da Silva deleitou hoxe aos lucenses cunha demostración de debuxo, no marco do programa IlustrarNós da Vicepresidencia da Deputación.
Ao vivo, diante da mirada das persoas que se ían achegando, o ilustrador completou en apenas media hora un debuxo que recrea a icónica fotografía na que Castelao é tratado mentres pinta as máscaras da obra teatral Os vellos non deben namorarse. No lugar das caretas da Silva debuxou máscaras sanitarias e escribiu Os vellos non deben contaxiarse, nun exercizo creativo no que se recoñeceu a súa faceta de humorista gráfico.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, agradeceu "a participación de Kiko da Silva nesta actividade aberta ao público e nos obradoiros que se desenvolven en institutos, contribuíndo a prestixiar e consolidar o programa IlustrarNos posto en marcha desde a àrea de Cultura para socializar e poñer en valor o traballo de creadores e creadoras galegas".
Así, este mesmo venres Kiko da Silva impartiu un obradoiro na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo. Baixo o título “Crear BD, da idea á novela gráfica”, o ilustrador explicou ao alumnado o proceso de creación da banda deseñada, desde a concepción da idea ata a súa concreción nunha publicación, abordando as posibilidades narrativas e plásticas que ofrece este xénero.