La habitación roja pechará en Lugo o ciclo “Momentos Alhambra. Acustiquísimos 2025”

LugoXa
A banda valenciana actuará o sábado 29 de novembro ás 21:30 horas, nun formato acústico que combina música e proposta gastronómica
Xunta-concerto-La-Habitación-Roja-Lugo
9 Nov 2025

A banda La habitación roja ofrecerá un concerto no Círculo das Artes de Lugo o sábado 29 de novembro, a partir das 21:30 horas, dentro do ciclo “Momentos Alhambra. Acustiquísimos 2025”, unha iniciativa que conta un ano máis coa colaboración da Xunta de Galicia. A presentación do evento tivo lugar esta mañá na Delegación Territorial de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou o compromiso do Goberno galego “co apoio aos promotores que achegan a Galicia interesantes iniciativas culturais como esta”. Arias explicou que Lugo será a cidade encargada de pechar este proxecto impulsado por Artmusic e Cervezas Alhambra, que tamén inclúe os concertos de Marlena en Vigo o 15 de novembro, Christina Rosenvinge na Coruña o día 21 e Zahara en Santiago de Compostela o 22.

O ciclo ofrece actuacións en formato acústico, en espazos singulares e acompañadas dunha proposta gastronómica, buscando crear unha experiencia sensorial completa arredor da música.

La habitación roja, unha das bandas máis recoñecidas do panorama indie español, celebra este ano o seu 30 aniversario. Con 14 discos de estudio publicados e máis de mil concertos ofrecidos en España, Europa e América, o grupo chega a Lugo consolidado como unha referencia esencial da música alternativa en lingua española.

⚙ Configurar cookies
0.073571920394897