La Vuelta pasa por Lugo despois de 3 anos
Lucía Blanco
Lugo protagoniza este venres a etapa 13 de La Vuelta a España 2024, unha das máis esperadas nesta edición que comezou fai un par de semanas en Lisboa. O percorrido parte da cidade de Lugo na que tiñen prevista a saída do pelotón ás 12.55 horas nun percorrido que amosa os atractivos da provincia ao seu paso polos concellos do Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes. Catro tramos montañosos e a riqueza paisaxística achegan ao itinerario, de 171 quilómetros, un atractivo extraordinario. Centos de persoas concentráronse nesta xornada tanto no punto de saída como ao longo da Muralla para contemplar a caravana ciclista durante unha xornada inesquecible para os amantes do ciclismo.
Respecto ao traxecto desta décimo terceira etapa, arrancou sobre as 13.55 horas da Horta do Seminario, para continuar pola rúa Bispo Aguirre, dar a volta practicamente completa por toda a Rolda da Muralla, e baixar pola rúa Santiago cara a N-VI en dirección ao Corgo, para tomar a saída lanzada. Nesta xornada os ciclistas terán que pedalear ata a liña de meta que está situada en Puerto Ancares e afrontar así unha dura etapa de montaña de 175 quilómetros —75 polas estradas de Lugo e outros 100 polas de León— entre as provincias de Lugo e León.
Pero primeiro deberán subir a un porto de terceira categoría como é Alto Campo de Arbre e, posteriormente, dous de segunda como Alto O Portelo e Porto de Llumeras. A última vez que La Vuelta pasou pola provincia de Lugo foi no ano 2021, na etapa 19, entre Tapia e Monforte de Lemos. Foron 187,8 quilómetros, deles 139 por 12 concellos lucenses, e estivo considerada de media montaña.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu aos integrantes da unidade do Corpo Nacional de Policía a súa colaboración para dar cobertura e seguridade á 79 edición da Volta a España ao paso por Galicia. Fíxoo no punto de saída, onde estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos e o presidenta da Deputación, José Tomé. Alí agradeceu o traballo dos axentes de Garda Civil e de Policía Nacional coa organización desta proba e lembrou á cidadanía a importancia de seguir as indicacións para que a Volta discurra con normalidade.
Mobiliza a unhas 3.000 persoas
O mandatario provincial foi o encargado de cortar a cinta dunha etapa clave para a cita deportiva e insistiu no “importantísimo retorno económico” que este evento supón para o territorio e que a institución provincial patrocina con 40.000 euros. Antes rendeuse homenaxe a Santiago Seijas, empresario atropelado durante unha cita ciclista nos Ancares, que recibiu como agasallo unha figura da árbore da vida. Tomé Roca puxo en valor La Vuelta como una proba que está na elite do ciclismo, ao nivel doutras citas mundiais como o Giro de Italia ou o Tour de Francia.
Desexou o presidente que a proba, que mobiliza a unhas 3.000 persoas e ten un seguimento que supera os 400 millóns de espectadores de máis de 190 países, se celebre “con normalidade e emoción” polo territorio lucense e convidou á veciñanza a desfrutar do paso de La Vuelta pola provincia. Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou a importante proxección internacional que a cidade acada acollendo a saída desta proba deportiva. “A proxección de imaxe que recibe o noso municipio como sede desta carreira vaise traducir a medio prazo nun retorno económico dificilmente igualable por outro evento deportivo. Estamos a falar dunha audiencia media diaria de 1,3 millóns de espectadores en España; retransmisións en 190 países e 76 horas de sinal en directo internacional”, sinalou.
Tamén se referiu ás esixencias técnicas para poder atender as necesides loxísitcas que implica un evento destas dimensións. “Como a subministración de enerxía, a reordenación do de tráfico ou a seguridade cidadá e viaria dentro da zona urbana. Pero sen dúbida o esforzo valeu a pena. A caravana da Vuelta move unha media diaria de 2.500 reservas para pasar a noite, algo do que tamén se beneficia a nosa hotelaría e hostalería, entre outros sectores, con todas as implicacións que esto supón na dinamización da nosa economía local”, explicou a rexedora.