LaLiga Genuine en Lugo: Un labor deportivo, social e transformador

Jessica Fernández
“O que facemos co equipo Genuine é un labor deportivo e social, no que os integrantes son persoas con discapacidade que se senten recoñecidas como deportistas nun grupo de xente, o que lles xera un sentimento de pertenza que mellora a súa autoestima”. Con esta reflexión, Míchel Trashorras, Álvaro Fernández, Pablo Valiño e Nerea Darriba explican claramente que o proxecto de LaLiga Genuine é moito máis ca unha actividade deportiva.
O seu lema, Compartir antes que competir, exemplifica que o máis importante non é o resultado, senón “as ganas” e, sobre todo, “o benestar que lles reporta aos rapaces e, indirectamente, ás familias, participar nos torneos e facer deporte. Saen, viaxan e, queiras ou non, se un fin de semana os levas, as familias tamén teñen ese espazo de respiro e normalizan unha situación á que moitos, se non fose grazas ao club, nunca chegarían. Para eles é unha oportunidade de facer algo diferente. Hai moitos rapaces que nunca viviron esas experiencias: que é a primeira vez que soben a un avión, a primeira vez que saen da casa, a primeira vez que fan moitas cousas”, explican.
O Genuine é un proxecto que inicia LaLiga para xuntar persoas con discapacidade intelectual que poden practicar deporte na tempada 17-18. Ao principio, formábano 17 equipos, e o Club Deportivo Lugo decidiu unirse na tempada 18-19. “A partir de aí, falamos coas distintas asociacións de Lugo e créase o equipo, sendo o primeiro adestramento en maio de 2018”, comentan. Así, nace como un proxecto provincial ao que se suman Down Lugo, Aspnais, Prodeme de Monforte, Aspanane de Viveiro e Eu Son de Burela. Este ano, ademais, contan con rapaces de San Vicente de Paúl e Adace, que non poden competir pero veñen adestrar, e tamén algún rapaz de COGAMI.
Os profesores e a terapeuta ocupacional que se ocupan do equipo comentan que “o papel das familias foi moi escaso, porque foi un tema que se fixo a través das asociacións, que se implicaron moito desde o primeiro momento, así como o club, que puxo moitas facilidades para que os rapaces puidesen vir. Tiñamos un autobús que viña desde a costa; se iamos adestrar a Friol ou a Pol, tamén tiñamos autobús…”. Por iso, din que foi un proxecto que se puxo en marcha grazas á vontade da Presidencia do Club Deportivo Lugo, que “se empeñou en que saíse e puxo os medios necesarios, estando desde o principio moi involucrado”.
ADIESTRAMENTOS, TORNEOS E ACTIVIDADES
O equipo Genuine de Lugo, conformado por 37 rapaces, adestra un venres cada 15 días, cunha duración de hora e media. “Durante ese tempo, preocupámonos, principalmente, de que o pasen ben, que lles guste o fútbol e enganchalos. Seguimos as normas do fútbol oito. A diferenza principal? O resultado”, destacan.

Estes encontros deportivos son torneos que se celebran 4 veces ao ano: dous de venres, sábado e domingo; e dous de sábado e domingo, repartidos de novembro a xuño. "Nos partidos de competición non se contan os goles. Contamos quen gaña cada un dos tempos, que son 4, polo que o resultado máximo pode ser 4-0. E o que realmente importa é a experiencia. Ás veces rematan os partidos e nin sabemos como quedamos. Porque non nos preocupa. O importante é que os rapaces o pasen ben e gocen, porque eses son os valores: xogar en equipo, respectar os compañeiros, o árbitro e entre eles, e que sexa equitativo, é dicir, que xoguen exactamente os mesmos minutos todos”, explican. Ademais, o árbitro tamén puntúa o comportamento dos xogadores, cunha clasificación de deportividade. “Dependendo de como manexan a súa autonomía, teñen unha valoración de 1 a 3”.
“A min o que máis me gusta, o que máis me enorgullece, é que teñen moi claro que hai cousas que están por diante de gañar. Non hai ningunha máxima máis alá da ilusión do momento”. En definitiva, reiteran que “o máis importante, ademais de practicar fútbol, son os valores do fútbol, xa que é un deporte moi social enfocado ao seu benestar. Ademais, teñen grupos de WhatsApp entre eles e quedan, como calquera outra persoa. Encántalles ir tomar un chocolate con churros, ir ver unha película, dar un paseo… todo o que implica socializar”.
Por iso, comentan que, ademais dos torneos nos que participan, tamén organizaron xornadas de convivencia con outros equipos, como o Dépor ou o Sporting, e tamén foron a Ferrol varias veces; así como a PortAventura. Destacan o torneo do ano pasado en Baiona, “no que nos levaron en barco dar unha volta polas illas Cíes”. “É o que se move arredor do fútbol o que realmente engancha”.
A DISCAPACIDADE E O ESTIGMA
Con respecto á acollida deste equipo por parte da sociedade en xeral, sosteñen que “todo o mundo, cando o ve, coñéceo, gústalle e valórao; pero para iso hai que velo. Non es capaz de saber o que é se non o ves”. E poñen en valor o papel das familias, que os apoian en desfrutar desta actividade, pero non demasiado, “xa que son familias moi envellecidas. Temos rapaces de entre 19 e ata 60 e pico anos”.
“Valoramos moito os rapaces e teñen un gran mérito, porque erguerse todos os días e ver que a sociedade che pon barreiras, e ser capaz de demostrarlles que non teñen razón… é difícil. Por iso, o noso traballo, o das familias e, sobre todo, o das asociacións, é tan importante, xa que nós o que facemos é facilitarlles as ferramentas que necesitan, a través do club ou do noso traballo, para demostrar ao mundo que son capaces de facer, na súa medida, o que todo o mundo fai: enfrontarse ao deporte, pasalo ben, ter amigos, viaxar, tomar algo. En resumo, normalizar unha vida”.
“O estigma é o descoñecemento do que engloba a discapacidade, do traballo diario, e despois a ilusión, a amizade, as ganas de superarse e o bo ambiente que se xera con todo iso, porque o deporte xera bo ambiente. Nós estamos moi a gusto cos rapaces e vemos o que é, e é algo moi emocionante e gustaríanos que todo o mundo o vise así”.
Con todo, a pesar de que sosteñen que “avanzamos moitísimo, aínda queda moito por facer. A primeira vez que fomos adestrar con eles estabamos asustados e non sabiamos como falarlles, pero despois decatámonos de que había que falarlles como o que son: persoas. Quizais tes que repetirllo máis veces ou dicirllo doutra forma, enfatizalo… pero son persoas e chámaslles polo seu nome. Son eles, non son pobriños. Como sociedade temos que enfrontarnos a unha realidade, falarlles como che estou falando e normalizar unha vida humana igual que calquera outra”, conclúen.