Lamentan "actos de vandalismo, lixo e roubos" durante a Foliada da Fonsagrada

LugoXa
Desde a Asociación Cultural Os Petapouco e a Destempo din que "sen coidado, civismo e respecto non será posible continuar construíndo e celebrando este espazo de tradición"
Foliada-da-Fonsagrada-2024
11 Dec 2024

Desde a Asociación Cultural Os Petapouco e a Destempo, organizadores da celebrada Foliada da Fonsagrada, unha cita cultural que dende 2015 que pon en valor o noso patrimonio local, cultural e paisaxístico; fixeron un comunicado.

Neste, denuncian que nesta edición houbo “determinados comportamentos incívicos que ensombreceron o espírito do evento, que foi organizado coa maior ilusión e esforzo”.

Ademais dos actos de vandalismo no espazo público, e tamén na Escola Fogar, e o lixo acumulado, “temos que lamentar roubos e tamén destrozos en propiedades privadas, afectando directamente ás vivendas e negocios de veciñas e veciños da Fonsagrada”, denuncian. “Non só se faltou ao respecto ao patrimonio de todas e todos, senón que tamén se causaron danos a persoas que prestan a súa contorna para facer posible esta festa”.

Por isto, din que “isto é inaceptable: Non organizamos a Foliada para que uns poucos actúen de forma irresponsable sen pensar nos demais. Este tipo de comportamentos non só danan a imaxe do evento, senón que tamén supoñen unha agresión á comunidade fonsagradina, que con tanto cariño acolle a visitantes e participa activamente no éxito da nosa Foliada”, argumentan.

Así, animan a reflexionar: “Este evento é un símbolo de cultura, convivencia e respecto, e quen non entenda estes valores non ten lugar aquí. Necesitamos de todas e todos para garantir que a Foliada siga sendo un orgullo para a Fonsagrada e un exemplo de celebración cultural consciente”. Pedindo, como punto final, “coidado, civismo e respecto, porque sen isto non será posible continuar construíndo e celebrando este espazo de tradición”, conclúen.

0.19172787666321