Lamentan que Tomé non apoiara unha moción popular en prol de Endesa

TerraChaXa | LugoXa
O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, asumiu en primeira persoa a responsabilidade de rexeitar na Deputación a moción defendida polo PP, no pleno extraordinario que solicitou, para reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez medidas para garantir o futuro da térmica de Endesa en As Pontes e o dos seus traballadores.
17 Out 2019

O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, asumiu en primeira persoa a responsabilidade de rexeitar na Deputación a moción defendida polo PP, no pleno extraordinario que solicitou, para reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez medidas para garantir o futuro da térmica de Endesa en As Pontes e o dos seus traballadores. A iniciativa popular foi defendida polo vilabés Agustín Baamonde, que acabou resumindo así a posición dos socialistas: «Saímos de aquí abraiados, porque vostedes, que son os que están en relación co Goberno da nación ofrecen [aos traballadores] bágoas en día de choiva».

A moción popular tiña por obxectivo buscar o acordo do pleno para amosar pola Deputación « todo o seu apoio e solidariedade cos traballadores da central térmica de Endesa en As Pontes, coa industria auxiliar,  cos transportistas vencellados a ela e co porto de Ferrol, esixindo do Goberno de España a aplicación de medidas urxentes para garantir a inmediata reapertura da central de As Pontes e, no caso contrario, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, principal responsable da situación da central pontesa». Baamonde dixo que o PP solicitou o pleno extraordinario para dar á institución provincial «a oportunidade de expresar a solidariedade cos traballadores», así como o compromiso na defensa da economía da provincia e de Galicia. Explicou de novo que o PP non puido aceptar a declaración institucional que propuxo o goberno provincial, despois da convocatoria do pleno. Non foi, dixo, por non estar de acordo en que este é un asunto de país, que require unidade, senón «pola desidia e inacción» da Deputación neste asunto, que estivo «de perfil» e chegou a acusar aos populares de querer montar un espectáculo de circo.

Baamonde destacou que o actual estado de cousas e as solucións necesarias poñen o foco no Goberno central. Apuntou que seguramente o Goberno coñecía as intencións da empresa e non reaccionou, e cando o fixo non aportou solucións. Apuntou unha dura crítica á falla de planificación da transición enerxética, da que dixo que ten que ser ordenada e rigorosa para manter a paz social

Á vista dos argumentos expostos pola socialista Pilar Porto e o nacionalista Efrén Castro, Baamonde resumiu cun contundente excusatio non petita accusatio manifesta, porque PSOE e BNG tentaron desviar o foco desde o Goberno central á Xunta. Baamonde está convencido de que os dous grupos do goberno provincial estaban máis preocupados polo debate en si que por buscar solucións ao problema, que é o do futuro de Endesa-As Pontes e o dos seus traballadores directos e indirectos. Chegou a dicir que se a Deputación se houbese posto ao lado dos traballadores, o PP houbera aceptado firmar a declaración institucional, porque os populares «non queremos protagonismo, senón ser partícipes da solución do problema». Afirmou: «Na nosa proposta non hai electoralismo». Dixo que socialistas e nacionalistas falan de buscar solución para Endesa-As Pontes «pero con vaguedades». Preguntouse se non estarán tratando de gañar tempo ata despois das eleccións xerais.

Socialistas e nacionalistas presentaron unha emenda á moción do PP, que propuxo modificala. Tras un receso de cinco minutos non houbo acordo, pese a que os populares propuxeron un acordo baseado no adoptado no Parlamento días pasados. Non foi posible, porque PSOE e BNG non aceptaron.

Á hora de votar, houbo empate a 12, e foi o propio presidente, o socialista José Tomé, o que, co seu voto de calidade, decidiu rexeitar a moción popular, na que, en síntese, se pretendía esixir ao Goberno de España «a aplicación de medidas urxentes para garantir a inmediata reapertura da central de As Pontes e, no caso contrario, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, principal responsable da situación da central pontesa». 

Antes do inicio da sesión plenaria, a voceira popular na Deputación e presidenta provincial do PP, Elena Candia, deixou moi claro que «estamos nunha situación extraordinaria e, probablemente, todos temos as mesmas preocupación pero non todos os grupos políticos teñen a mesma responsabilidade». Engadiu: «O que pasa é froito da improvisación do Ministerio e está provocando dúbidas, incertezas e grandes preocupacións a familias que non saben cal vai ser o seu futuro inmediato». Tamén declarou: «Todos nas institucións temos que falar claro, non podemos poñernos de perfil neste momento na nosa provincia; están tocadas de maneira moi preocupante estruturas industriais que xeran moitos postos de traballo».  Tamén dixo Candia: «As familias que saen a manifestarse en Madrid para esixir que non se peche Endesa queren que os políticos de Lugo falen alto e claro e que xestionen e cambien a decisión do Ministerio, que pode provocar un dano irreparable na nosa provincia». 

Elena Candia entende que «posiblemente esteamos no momento más difícil dos últimos anos; nós falamos alto e claro». Manifestou: «Os traballadores e os veciños saben que este partido está ao seu lado, estivemos na concentración en Xove e estaremos na de Cervo; é un mecanismo máis para facer corrixir o que cremos que son improvisacións que poden provocar prexuízos moi grandes na nosa provincia».

0.17057991027832