Lara Méndez acusa ao PP de Lugo de usar cartos públicos “para comprar vontades”

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, acusou este sábado ao PP, durante unha comparecencia en Lugo, de usar cartos públicos “para comprar vontades”, referíndose nomeadamente a Elena Candia, que, segundo Méndez, levaría utilizando ese método desde que en 2022 anunciou a súa candidatura á alcaldía da cidade.
Nunha comparecencia na que estivo acompañada pola deputada provincial Pilar García Porto e a tenente de alcalde lucense Ana Abelleira, Méndez advertiu do “uso fraudulento” das institucións por parte do PP e, incluso, dixo que se estarían a utilizar diferentes empresas para fins, “cando menos, rechamantes”. Desde 2022, segundo a secretaria de Organización do PSdeG, “empezouse a ver un chorreo de cartos a colegas”.
A tamén deputada socialista chamou a atención sobre o feito de que Candia non forma parte do Goberno da Xunta, o que, para ela, “agrava aínda máis ese uso fraudulento”, xa que di que “non é a responsable de xestionar ningunha consellería, nin a Axencia de Turismo de Galicia nin ningún outro organismo”. Neste contexto, Méndez sinala directamente a Rueda, que “como máximo responsable da Xunta é o que lle permite esas prácticas irregulares”.
A dirixente socialista puxo o foco na contratación de actividades e eventos a través da Axencia de Turismo de Galicia, sinalando que existen expedientes nos que aparecen empresas con actividades alleas á organización de eventos culturais ou festivos. Entre outros exemplos, mencionou contratos vinculados a panaderías ou a empresas de compravenda e reparación de vehículos, que estarían a facturar servizos de organización de festas ou actuacións musicais.
Segundo indicou, nalgúns casos “o organismo da Xunta paga directamente orquestras” a través de empresas sen relación co sector do espectáculo, así como contratacións con entidades que, segundo afirmou, presentan domicilios fiscais ou actividades que non gardan relación cos servizos prestados.
Méndez tamén denunciou diferenzas nos importes abonados para eventos similares e afirmou que, en determinados casos, se estarían canalizando pagos a través de asociacións creadas ou impulsadas por persoas vinculadas ao Partido Popular. “Onde non hai asociación, o PP crea unha e utiliza aos militantes para poñerse á fronte dela”, sinalou.
A socialista criticou igualmente a falta de acceso completo aos expedientes solicitados ao Parlamento e advertiu de que o PSdeG non descarta “utilizar outras vías para denunciar estes feitos”.
Pola súa banda, García Porto acusou aos populares de ter un xeito de facer política “que non é aceptable nin ético”, xa que di que “está a utilizar recursos públicos da Xunta de Galicia con fins claramente partidistas e persoais”. Todo iso, recalca, “sen que Candia ostente ningún cargo executivo que lle dea capacidade para dispoñer deses fondos”.
Na mesma liña, cualificou de “inaceptable” o emprego de cartos “que son de todos e de todas” a modo de “ferramenta de promoción persoal” e defendeu que deberían servir “para impulsar o territorio e fortalecer o tecido social e económico, non para mercar vontades nin para facer unha campaña encuberta”.
Para Porto, non se trataría dun feito illado, senón que formaría parte dun xeito de actuar “que xa se coñece ben na provincia de Lugo”, porque Candia, insiste, “non é nova na política, ten unha longa traxectoria e antecedentes preocupantes, como o seu papel en manobras escuras que todos lembran”. O que está a acontecer agora no Concello, asegura, “segue ese mesmo patrón: utilización interesada das institucións, ambición persoal por enriba do interese xeral e desprezo pola vontade democrática”.
“Apoiarse nunha tránsfuga para intentar acceder á alcaldía é a continuación dese xeito de facer política”, insistiu Porto, que afirma que non se pode gobernar “sementando desconfianza, manipulando recursos públicos e retorcendo as regras do xogo democrático”.
Pola súa banda, Ana Abelleira referiuse ao que cualifica como a “maquinaria das cloacas do PP”, asegurando que todo o relacionado coa moción “demostra que a Xunta funciona en Lugo como un servizo de atención aos intereses persoais e electorais” da líder do PP lucense.
“Eu á Axencia de Turismo poñeríalle o nome de Axencia da Señora Candia”, dixo sobre o uso que o PP fai dun ente que “parece que o turismo que vende é a súa conveniencia e o uso dos votos das e dos lugueses”.
“Candia non pode estrañarse da indignación que hai entre os veciños e veciñas de Lugo”, dixo tamén sobre as protestas e diferentes manifestacións que mostran estes días a súa repulsa á moción de censura impulsada polo PP apoiándose nunha tránsfuga.