Lara Méndez critica a “falta de atención” da Xunta á Muralla de Lugo

LugoXa
Méndez denunciou que cada ano, ao inicio da tempada estival, o monumento está cuberto de maleza, o que considera un reflexo do "nulo interese"
Muralla Lugo
6 sep 2024

A parlamentaria socialista Lara Méndez criticou o incumprimento por parte da Xunta de Galicia das súas obrigas de limpeza e mantemento da Muralla de Lugo, que comezou a temporada turística nun estado que cualificou de "lamentable". Méndez lamentou que o PP rexeitara unha iniciativa presentada no Parlamento para instar á Xunta a planificar mellor as labores de mantemento do monumento, especialmente no que respecta aos xardíns exteriores, que son competencia do goberno galego.

A deputada socialista esixiu á Xunta que lle preste máis atención á Muralla, un símbolo non só da cidade de Lugo, senón de toda Galicia. Méndez denunciou que cada ano, ao inicio da tempada estival, o monumento está cuberto de maleza, o que considera un reflexo do "nulo interese" que o goberno autonómico ten polo seu coidado.

Méndez destacou que a Muralla é un dos principais atractivos turísticos da capital luguesa, o que converte o seu mal estado nun problema de imaxe tanto para a cidade como para Galicia. “A Muralla de Lugo é un dos catro bens galegos recoñecidos pola Unesco, e non pode estar nunha situación tan deficiente nunha época de alta afluencia turística”, explicou.

A socialista tamén subliñou que, a pesar de que Lugo conta cun turismo "relativamente desestacionalizado", é fundamental que na temporada alta a Muralla estea nas mellores condicións. Por iso, esixiu ao Goberno de Alfonso Rueda unha intervención inmediata para a limpeza do monumento, así como unha planificación a longo prazo que garanta o seu mantemento axeitado para futuros anos.

Pola súa parte, Cristina Sanz replicou á deputada socialista dicindo que “non se pode limpar cando a un se lle ocorra, porque o coidado que requiren as actuacións no monumento está sometido a unha planificación baseada en criterios técnicos e legais, e levadas a cabo por profesionais que saben moi ben o que fan”. En concreto, a viceportavoz popular lembrou que neste momento a Xunta ten en marcha dúas actuacións na Muralla de Lugo: o Plan de conservación e xestión, por un importe superior aos 120.000 euros; e a restauración do cubo 18 e do lenzo interior do cubo 71, por un investimento próximo aos 500.000 euros. “Dentro destas intervencións inclúese a sega da vexetación, que está sometida a unha estrita planificación en función do seguimento da fauna e respectando o período de nidificación dos cirrios”, dixo.

Cristina Sanz engadiu que “completar o paseo interior e mellorar as traseiras dos edificios son intervencións imprescindibles, para o que desde o grupo municipal do PP xa se ten pedido partidas específicas nos orzamentos e incluso que se solicitaran fondos europeos, pero o goberno municipal socialista e nacionalista fixo caso omiso e preferiu presentar proxectos que o tempo, lamentablemente nos deu a razón sobre a súa inutilidade”.

0.19788694381714