Lara Méndez denuncia no Parlamento as continuas avarías do acelerador lineal do HULA

GaliciaXa | LugoXa
Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade asegurou que Lugo será o primeiro hospital do Sergas en incorporar radioterapia adaptativa
HULA-hospital-Lugo-portada
9 Jul 2026

A deputada do PSdeG no Parlamento galego, Lara Méndez, denunciou durante o pleno da Cámara a situación do servizo de radioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), asegurando que o acelerador lineal co que conta o centro sofre continuas avarías que afectan ao tratamento dos pacientes oncolóxicos.

Segundo explicou, os problemas do equipo son recorrentes ata o punto de que "non é a primeira vez que un paciente chega ao hospital e ten que dar volta" sen recibir o tratamento previsto. Méndez referiuse tamén á recente licitación anunciada pola Xunta para adquirir un novo acelerador lineal, aínda que advertiu de que a súa posta en funcionamento podería demorarse entre un ano e un ano e medio, tomando como referencia o proceso desenvolvido en Pontevedra.

A parlamentaria socialista subliñou que "o cancro non colle vacacións nin espera: avanza", polo que reclamou medidas inmediatas para garantir a continuidade dos tratamentos. Ademais, aproveitou a súa intervención para criticar as propostas do Partido Popular sobre as incapacidades laborais, lembrando que os pacientes "non son nin vagos nin maleantes" e que, se están de baixa, é debido á súa enfermidade.

Na iniciativa defendida no Parlamento, Lara Méndez cualificou de "extrema gravidade" a situación que atravesa o servizo de radioterapia do HULA, ao considerar que está a repercutir directamente na calidade asistencial e na seguridade dos pacientes con cancro de toda a provincia de Lugo. Ao seu xuízo, este escenario evidencia o deterioro da sanidade pública galega por mor da falta de planificación, investimento e xestión por parte do Goberno autonómico.

A deputada lembrou que o acelerador lineal do hospital lucense supera xa os dez anos de funcionamento e asegurou que as súas avarías provocan interrupcións, suspensións e reprogramacións dos tratamentos, xerando atrasos que cualificou de "inaceptables". "Neste momento está arranxado. A ver o que dura", afirmou.

En resposta ás críticas, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu que o HULA será o primeiro hospital do Servizo Galego de Saúde en incorporar a radioterapia adaptativa grazas á adquisición dun novo acelerador lineal, cuxa licitación foi publicada o pasado 22 de xuño cun investimento previsto de 2.758.800 euros. Segundo explicou, esta tecnoloxía permitirá adaptar diariamente os tratamentos á evolución de cada paciente, mellorando a precisión da radiación e reducindo os seus efectos secundarios.

O titular de Sanidade indicou que o novo equipamento incorporará sistemas de radioterapia guiada por imaxe e por superficie, permitindo calcular a dose directamente sobre as imaxes obtidas no propio acelerador, o que evitará probas adicionais e reducirá os tempos dos procedementos.

Gómez Caamaño asegurou que a atención aos pacientes oncolóxicos da provincia está plenamente garantida e pediu responsabilidade para evitar a difusión de información que poida xerar preocupación innecesaria. Nese sentido, explicou que os dous aceleradores lineais do HULA permanecen operativos en horario continuado, de luns a venres entre as 08.00 e as 22.00 horas, e afirmou que existe un protocolo específico para facer fronte ás avarías, de maneira que os tratamentos non se interrompen e, se fose necesario, os pacientes poderían ser derivados ao hospital de Santiago.

O conselleiro tamén se referiu á avaría rexistrada nun dos aceleradores durante a Semana Santa, asegurando que non comprometeu a continuidade asistencial nin obrigou ao traslado de pacientes. Ao seu xuízo, falar de riscos para a seguridade dos enfermos "non se corresponde coa realidade" e pode provocar unha alarma innecesaria entre un colectivo especialmente vulnerable.

Finalmente, Gómez Caamaño lembrou que a mellora da atención oncolóxica é unha das prioridades do Goberno galego e destacou, entre outras actuacións, a futura posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia, que prevé atender aos seus primeiros pacientes entre finais deste ano e comezos de 2027, converténdose no primeiro centro da sanidade pública española en ofrecer este tratamento.

0.12837314605713