Laura Romero pon o broche ao programa ilustrarNÓS na Escola Ramón Falcón

A ilustradora Laura Romero foi a encargada de pechar este venres o programa ilustrarNÓS cun encontro co alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo. Durante a sesión, a creadora, que tamén preside a Asociación Galega de Ilustradoras e Ilustradores Independentes (AGPI), compartiu a súa traxectoria e experiencia no ámbito profesional da ilustración.
A deputada de Cultura, Iria Castro, achegouse ao centro educativo para participar nesta actividade, coa que rematou unha iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo para fomentar a creación artística e dar a coñecer o traballo de profesionais da ilustración entre a xente máis nova.
O programa comezou o pasado 31 de xaneiro, coincidindo coa celebración do Día da Ilustración, e desenvolveu obradoiros creativos e propostas divulgativas nunha ducia de centros educativos da provincia. Ademais de Laura Romero, a iniciativa contou coa participación doutros profesionais deste ámbito, como Sandra Lodi e Siro López.