Levántase a suspensión para a adxudicación do novo contrato de mantemento das zonas verdes

LugoXa
O Concello de Lugo anuncia que se levanta a suspensión para a adxudicación do novo contrato de mantemento das zonas verdes
obradoiro xardineria zonasverdes
obradoiro xardineria zonasverdes
19 dic 2022

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia vén de desestimar o recurso interposto pola empresa FCCMedio Ambiente Sau contra a exclusión da súa oferta na contratación do servizo de mantemento e conservación de zonas verdes e arboredo urbano no municipio de Lugo.

O Tribunal autonómico acorda así levantar a suspensión do procedemento que se retoma por parte do Concello de Lugo, dando traslado do expediente de adxudicación do servizo á seguinte empresa que presentou a oferta máis vantaxosa (Calfensa) á area de Intervención para a súa fiscalización. Un paso ao que seguirá o trámite de exposición pública por un período de 15 días e, tralo cal, de non existir novos recursos, permitirá procecer ao outorgamento do contrato en Xunta de Goberno Local durante o vindeiro mes.

Este novo contrato, do que xa se informara en xullo, para o mantemento das zonas verdes do municipio trata do coidado integral de parques e espazos axardinados da cidade nos que primará e se terá en conta a sostenibilidade e calidade ambiental.

A licitación duplica a superficie que dará atendida pero tamén e, por tanto, multiplica considerablemente o seu custo, pasando, respectivamente de 607.804 metros cadrados a 1.366.273 metros cadrados e, de 817.951 euros ao ano a 3.667.896 euros.

Dende o Concello sinalaron as obrigas recollidas no prego, elaborado polo Servizo de Parques e Xardíns, para conservar as zonas verdes en perfecto estado vexetativo, botánico, fisiolóxico, ornamental, estético e paisaxístico. Así pois, non só se realizarán traballos nas especies vexetais, senón tamén no mobiliario urbano, fontes, estanques e mesmo o estado que presente o pavimento,.

Tamén se comunicou que, entre as zonas que abrangue esta licitación, se atopan os canís e os espazos verdes de nova creación que, con motivo de obras futuras, ampliacións, cesións, recepcións de urbanizacións e adquisicións de todo tipo incrementen a superficie de actuación municipal, respectando as mesmas condicións que contempla a adxudicación.