Levemos o lobo ás aulas

LugoXa | TerraChaXa
O pasado mes de abril, nunha escola lucense de Friol, tiven a oportunidade de achegar a cultura lobeira ás tres etapas educativas
lobo-monte
31 Aug 2026

Por Concha López Llamas
Bióloga, Catedrática de Secundaria e Escritora de Natureza

Dende a Ciencia da Ecoloxía sabemos que un monte ou bosque habitado por Canis lupus, especie apical dos ecosistemas ibéricos, é un monte ou bosque equilibrado que testemuña saúde para aqueles que coexisten con el, entre os que nos incluímos. Dado o seu estado “desfavorábel” segundo os estándares científicos, urxe, non só asegurar a poboación de lobos existente en España, senón favorecer o seu aumento e expansión a outros territorios ibéricos, que ancestralmente ocupaban, para potenciar a diversidade xenética e reducir a endogamia que sofre a especie.

A poboación infantil ou xuvenil que vive nas cidades atópase especialmente desconectada do que lle ocorre ao resto das especies ibéricas e en especial ao lobo.

As nenas e nenos fano dende os contos ilustrados, pero estas belas obras non adoitan reflectir a realidade etolóxica e ecolóxica da especie protagonista.

É posible que a poboación de menor idade poida realizar un exercicio de tránsito do lobo maligno ao lobo real. Poderían deconstruírse, nas súas mentes xoves, os mitos na súa contra que as sociedades occidentais elaboraron dende hai milenios? Dende onde se podería traballar a resignificación do lobo?

As aulas dos colexios, institutos e os centros de educación ambiental serían os mellores lugares para facelo.

As actividades didácticas deben ir encamiñadas a amosar a cultura lobeira, conformada por condutas complexas e exitosas, atesouradas ao longo da súa historia e transmitidas de xeración en xeración. Condutas que se alteran polas modificacións que xeramos nos seus hábitats, profusas e tóxicas, como resultado da cosmovisión antropocéntrica coa que interpretamos todo o vivo.

O pasado mes de abril, nunha escola lucense de Friol, tiven a oportunidade de achegar a cultura lobeira ás tres etapas educativas.

En todos eles foi necesario partir dos seus coñecementos previos, ou dos seus sentimentos cara ao lobo, formados nos primeiros anos da súa vida. Puntos de ancoraxe imprescindibles para enriquecelos ou modificalos. Deste xeito, a aprendizaxe adquirida podería resultarlles significativa.

En Infantil, os corpos foron o recurso. O meu, en representación do dunha loba nai, e o deles e delas, que facían de lobetos ou lobetas. A través do que lles narraba, comezaron a escenificar o que poderían sentir os pequenos cánidos: ao tocar o contorno da gándara; ao experimentar co ladrido ata transformalo en ouveo; ao camiñar en liña recta, de un en un, para abordar paseos polo monte-aula; ou ao percibir frío ou fame. Aquelas experiencias de seres indefensos estabán moi cercanas no tempo. Só deberían revivilas como pequenos “sapiens-lupus”.

“Nai loba, vou botarte de menos!” díxome unha nena de seis anos ao despedirse de min.

Reflectir sobre canto de lobo hai en min pareceume a estratexia adecuada para traballar co alumnado de Primaria. As súas respostas levárannos a empatizar co cánido salvaxe. Facíase preciso que conectaran, en primeiro lugar, co “seu lobo interior,” probablemente estigmatizado, dándolle visibilidade a través dun sinxelo e rápido debuxo, con achega dunha soa cor e unha única palabra.

As situacións que abordei para favorecer o dilema foron as concernentes ás fases de reprodución e crianza, de fácil asimilación, xa que se atopan na zona de desenvolvemento próximo do alumnado. A través de procesos como os do parto, a lactación, os do paso á inxesta sólida por parte dos dous proxenitores, os da “coeducación” a través do xogo entre irmás/irmáns, ou os coidados, que cando o grupo familiar é amplo se estenden a membros de distinta orde, resulta sinxelo establecer correspondencia entre sapiens e lupus. O seu catálogo de vivencias respecto destes temas é amplo, cos membros por chegar ou recentemente nados no ámbito familiar, ou a través da observación directa do comportamento dos adultos: proxenitores, avós, tíos ou primos.

A asimilación destas aprendizaxes detectouse con certa facilidade cando lles pedín que expresaran, de novo, con debuxo, cor e palabra, o lobo que nese preciso momento os habitaba.

Na secundaria, o alumnado atópase preparado, polo seu desenvolvemento psicoevolutivo, para abordar contidos relacionados coa conduta predatoria de Canis lupus.

A actividade deseñada para este nivel, en pequenos grupos ou en gran grupo, partiu de preguntas ordenadas como: Douvos medo? Pensades que vos ocasiono problemas? Se convivimos no mesmo territorio, preferídesnos en solitario ou en manda? Sabedes como reaccionamos en manda cando acaban coa vida de algúns de nós? Que pasaría no monte se desaparecésemos?

Ditas cuestións facilitaron a chegada de múltiples respostas, entre as que xurdiron algunhas próximas ás achegadas pola Ciencia, das que tirei para consolidar a aprendizaxe adecuada, sen imposición por parte do profesorado e libres de respostas ligadas ás consignas que xorden do imaxinario colectivo, polo xeral afastadas da realidade etolóxica do lobo.

As miñas experiencias, neste nivel, víronse recompensadas co agradecemento e a viva implicación do alumnado durante o proceso, deixando, en moitos casos, a porta aberta para afondar no coñecemento de Canis lupus.

0.15653491020203