Licitan o programa 'Aprende Xogando' con máis de 350.000 euros anuais para favorecer a conciliación familiar

LugoXa
O servizo mellorará a atención aos menores cunha ratio dun monitor por cada dez participantes e reforzo específico para nenos e nenas con necesidades educativas especiais
Aprende-Xogando-Concello-de-Lugo
10 Aug 2026

O Concello de Lugo vén de sacar a licitación o novo programa municipal Aprende Xogando, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral a través de actividades dirixidas á infancia. O contrato contará cun orzamento superior aos 350.000 euros anuais e terá unha duración prevista de dous anos.

Entre as principais novidades do servizo destaca a mellora das ratios de atención aos participantes. O novo contrato establece a presenza dun monitor por cada dez menores con carácter xeral, mentres que no caso de nenos e nenas con necesidades educativas especiais a ratio reducirase a un profesional por cada cinco participantes, co obxectivo de ofrecer unha atención máis individualizada.

O programa busca garantir un servizo de conciliación de calidade para as familias lucenses ao tempo que reforza os recursos destinados á inclusión e á atención da infancia con necesidades específicas de apoio.

Ademais, o Concello de Lugo presentará a súa candidatura á convocatoria da Xunta de Galicia para a creación dunha Unidade de Atención Temperá na cidade. Paralelamente, o Goberno local estuda a posta en marcha dun programa piloto de atención postemperá que permita dar continuidade ao acompañamento das familias unha vez rematada esta etapa de intervención especializada.

0.14103722572327