Licitan os vieiros escolares con melloras no servizo e novas rutas en Lugo

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á apertura do procedemento de adxudicación dos vieiros escolares, un servizo que fora prorrogado ata o pasado mes de xuño e que agora sae a licitación cun novo prego que incorpora melloras, entre elas a inclusión de gastos de coordinación coas ANPAS, un aspecto que non estaba contemplado ata o de agora.
Durante o presente curso ampliouse o servizo no barrio das Mercedes, que conta xa cunha media de 15 usuarios, e prevese tamén a creación dunha nova ruta no Paradai, que chegará desde o sur pola avenida da Coruña e complementará a existente, que parte da Piringalla. Na actualidade, a cidade conta con vieiros escolares en distintos puntos: dous en Albeiros, dous no Paradai, un en Rosalía, un en Casás e un nas Mercedes.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou que os vieiros escolares son unha ferramenta clave para fomentar hábitos saudables e a autonomía da rapazada, ademais de contribuír á redución do tráfico nas contornas educativas. Engadiu que o novo contrato permitirá reforzar o servizo e adaptalo á demanda actual, en colaboración coas familias e coa comunidade educativa.