Licitan por 603.323 euros o control externo da limpeza viaria e da recollida de lixo

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente e os pregos para contratar un sistema externo de control de calidade dos servizos de recollida de residuos, xestión do punto limpo e limpeza viaria, cun orzamento de licitación de 603.323,85 euros e unha duración de cinco anos. O obxectivo é dispoñer dunha supervisión técnica independente que permita comprobar o funcionamento dos servizos e verificar se a concesionaria cumpre as condicións do contrato.
O novo mecanismo incluirá inspeccións, medicións e comprobacións periódicas, así como asistencia técnica ao Concello para determinar posibles deducións ou penalidades cando se detecten incumprimentos. Porén, este control xa estaba contemplado no contrato principal de limpeza e recollida de residuos desde a súa adxudicación, o 1 de agosto de 2022, á UTE formada por COPASA, GESECO e SETEC BUILDING (Ecolugo).
A concesionaria comprometérase a achegar anualmente unha cantidade equivalente ao 1 % do valor anual do contrato, IVE incluído, para financiar este sistema de supervisión. Non obstante, o informe de Intervención advirte de que non consta na contabilidade municipal o ingreso das cantidades correspondentes ás tres primeiras anualidades, que ascenden a 389.454,85 euros. O documento tamén sinala que non se reclamaron coa debida antelación os pagamentos comprometidos pola empresa.
Deste xeito, unha ferramenta de control prevista desde o inicio da concesión non chegou a funcionar durante os seus tres primeiros anos. Agora, o Concello impulsa a súa contratación específica mediante un procedemento aberto, suxeito a regulación harmonizada, coa publicación no Diario Oficial da Unión Europea e na Plataforma de Contratación do Sector Público.
Outros acordos da Xunta de Goberno
No ámbito de persoal, aprobouse a cobertura temporal, mediante comisión de servizos, do posto de adxunta do Servizo de Xestión Urbanística, que se atopa vacante temporalmente. A convocatoria publicouse o pasado 23 de xullo e recibiu unha única candidatura, a dunha funcionaria municipal adscrita a Urbanismo, que conta co informe favorable do director xeral desta área. O nomeamento terá unha duración máxima dun ano, prorrogable por outro.
A Xunta de Goberno tamén aprobou ampliar o contrato de conservación e mantemento dos campos municipais de fútbol e béisbol para incorporar as instalacións de herba artificial das Gándaras I e II. A modificación suporá un incremento anual de 13.697,20 euros, IVE incluído, e permitirá aplicar nestes dous campos os mesmos traballos que xa se realizan en Luis López Gorgoso e A Cheda.
Por último, aprobouse modificar a base do Orzamento municipal de 2026 relativa a unha subvención nominativa de 19.000 euros destinada ao servizo de interpretación en lingua de signos e ao mantemento do local social. O cambio consiste en substituír ALUSOR por ASORLU como entidade beneficiaria, despois de que a primeira renunciase á axuda ao non prestar durante este exercicio o servizo de interpretación e non poder xustificar a subvención. ASORLU comunicou que si realizou este servizo durante 2026 e que dispón dos gastos xustificativos. A modificación non supón un incremento do gasto municipal.