Ligonde, en Monterroso, acolle un curso de cestería promovido pola Deputación de Lugo

LugoXa
Unha decena de participantes aprende técnicas tradicionais da man da artesá María Folgueira nunha actividade formativa
curso-de-cestería-Monterroso
10 Mar 2026

A parroquia de Ligonde, no concello de Monterroso, está a acoller estes días un curso de cestería incluído no programa Mans Artesás, unha iniciativa promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo co obxectivo de fomentar a transmisión dos oficios artesáns.

Na actividade participan arredor dunha decena de persoas, que reciben formación da man da cesteira María Folgueira. Durante as sesións, a artesá guía ao alumnado no proceso de elaboración de distintas pezas empregando técnicas propias da cestería tradicional, permitindo así achegarse a un oficio con longa tradición no territorio.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou a boa resposta que está a ter esta proposta formativa, subliñando que o programa Mans Artesás contou cunha “acollida extraordinaria por parte de asociacións de toda a provincia”, que integran este tipo de iniciativas nas súas programacións de actividades. Ademais, puxo en valor os espazos de aprendizaxe e convivencia que xorden arredor destes cursos, nos que, segundo indicou, se observa unha participación moi activa por parte das persoas asistentes.

Con esta iniciativa, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo reforza o seu apoio ao sector da artesanía, unha actividade que contribúe á conservación, difusión e actualización de coñecementos e técnicas que forman parte do patrimonio inmaterial. Ao mesmo tempo, trátase dun ámbito que desenvolve unha actividade económica sostible, estreitamente vinculada ao territorio e a modelos de consumo responsable.

0.12407898902893