Limpan os terreos do antigo punto limpo situado na parroquia de Coeses

LugoXa
Para evitar futuras acumulacións de lixo nesta área, a Policía Local intensificará a vixilancia
punto_limpo_lugo
28 Ago 2024

A área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo, dirixida polo concelleiro Miguel Fernández, acometerá a limpeza dos terreos do antigo punto limpo da parroquia de Coeses. Esta acción vén motivada pola presenza de lixo acumulado de forma ilegal, que provocou un pequeno incendio na noite do pasado domingo.

Fernández destacou que o lixo foi depositado de maneira "irresponsable e irrespectuosa", afectando negativamente á zona. Ademais, lembrou que a empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos, LuceLugo, xa realizou catro limpezas neste punto desde que o servizo foi renovado hai dous anos. A última destas limpezas tivo lugar en novembro de 2023, e supuxo a retirada de 85 toneladas de lixo.

O edil aproveitou para facer un chamamento ao civismo e á responsabilidade cidadá. "É esencial que coidemos o noso entorno e evitemos verter lixo en lugares non autorizados. Estes vertedoiros ilegais non só prexudican o medio ambiente, senón que tamén supoñen un risco para a saúde pública e o benestar de todos".

Para evitar futuras acumulacións de lixo nesta área, a Policía Local intensificará a vixilancia no antigo punto limpo de Coeses. Fernández solicitou a colaboración da veciñanza para que utilice os puntos de recollida autorizados, como o punto limpo municipal e o punto limpo móbil, que presta servizo tanto na zona rural como na urbana.

O concelleiro recordou que Lugo conta con unha ampla infraestrutura de recollida de residuos, incluíndo 854 colectores de grandes capacidades distribuídos polas parroquias rurais e máis de 4.200 colectores na zona urbana, o que fai innecesario o uso de vertedoiros ilegais. "A colaboración cidadá é clave para manter o noso concello limpo e saudable. Non hai escusas para non usar os servizos axeitados para a recollida de lixo", subliñou Fernández.

0.17760300636292