Llano agarda reunirse coa comisión técnica de seguimento do tren para a súa recuperación

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asistIu a unha xuntanza en Moeche para falar do tren que percorre a costa desde Ribadeo ata Ferrol.
15 Oct 2020

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asistIu a unha xuntanza en Moeche para falar do tren que percorre a costa desde Ribadeo ata Ferrol. No encontro participaron seis rexedores así como técnicos de Renfe. Para Llano o tren é un servizo fundamental para o desenvolvemento económico e social de toda esta zona, desde A Mariña ata Ortegal e Ferrolterra, que hai que manter, potenciar e desenvolver aínda que dea perdas. Alfredo Llano agarda que antes de finais de ano se reúna a comisión técnica de seguimento creada no seu día. O alcalde burelés considera necesario que a esa xuntanza asistan todos os alcaldes dos concellos polos que discorre o tren, así como responsables de Renfe e Adif.

Alfredo Llano contou que “xa hai meses que tíñamos solicitado unha reunión con representantes de Adif e de Renfe. Había unha comisión conformada xa que comprendía a zona de Ferrolterra, de Ortigueira e da Mariña. Hoxe tivemos unha xuntanza, onde estivemos representantes de Ferrol, de Ortigueira, de Cerdido, de San Sadurniño, de Moeche e de Burela, concretamente os alcaldes. Hoxe por primeira vez, veu o representante de Renfe para Galicia, ademais de varios técnicos tanto de Adif como de Renfe”.

O rexedor burelés explicou que “estivemos falando do que nos preocupa. Realmente o que defendemos é contar cun servizo público como é o tren con todas as garantías de futuro, que se atenda ben, que sexa un servizo empregado, publicitalo e aproveitalo para darlle saída a moitas cuestións da comarca, desta zona do Cantábrico, que axude a desenvolver tanto no social como no económico a zona da Mariña, de Ferrolterra e de Ortigueira. Na reunión  deuse un repaso ao que está sucedendo agora que hai menos servizos, que hai menos cadencia de trens e menos atención nas estacións. Argumentan que a pandemia tivo a culpa e penso que aí teñen razón. A pandemia condicionou moitísimo o uso do tren, as cadencias dos horarios e un pouco todo. Pero nosoutros agora mesmo estamos pensando no futuro, que se manteña esa intención clara que nos dea confianza en que imos poder seguir cun tren de calidade nos próximos anos”.

O alcalde sinalou que “hoxe se aclararon algúns temas e os representantes de Renfe e de Adif fundamentaron todo no aspecto mercantil, que se hai moi pouco usuario, que se gasta pouco neste servizo. Pero eu penso que agora estamos saíndo como mellor podemos desta situación e temos que pensar en futuro. Non podemos defender só desde o punto de vista mercantil o uso ou non dun servizo público como o tren. Temos que pensar que é algo fundamental, algo que aínda que teña perdas debe existir. Non é crible que no metro de Madrid se hai unha estación que funcione mal o metro pase de largo. Hai que pensar que é un servizo público que hai que manter, potenciar e desenvolver. Nosoutros manifestamos a nosa preocupación, que queremos que se volva desenvolver de tal xeito que sexa empregado”.

Alfredo Llano engadiu que “a conclusión da reunión foi que van mirar, estudar e volver recuperar a cadencia dos trens con mellores máquinas. Nosoutros queremos que se tomen decisións que realmente nos sirvan para ter algo de confianza. Quedamos en organizar unha reunión, a ver se pode ser antes de que acabe o ano, onde haxa responsables que poidan tomar decisións políticas de calado para apostar por este medio. Eu fixen unha proposta para contar nesa reunión con todos os alcaldes, desde Ferrol ata Ribadeo, para tomar unha decisión en firme, para apoiar, defender e sacar conclusións definitivas que dean confianza. Imos tratar de xuntarnos para defender entre todos un servizo que é fundamental, que se debe desenvolver e contar con todas as garantías de supervivencia. Para iso hai que contar con decisións claras para este medio que no futuro vai ser fundamental para o desenvolvemento integral da nosa comarca”.

0.16513609886169